Hoxe é Xoves 9 de Outubro de 2025

Gerardo Rodríguez “Chere” inaugura no espazo Mínima Expresión a exposición “De pel salgada”

WhatsApp Image 2025-08-05 at 10.59.06

Chere xunto a Manu da Discotasca

Redondela acolle desde esta semana a nova exposición de Gerardo Rodríguez, coñecido artisticamente como “Chere”, titulada De pel salgada: O que contan as madeiras do mar. A mostra, que se poderá visitar durante todo o mes de agosto e setembro no Espazo Artístico Mínima Expresión (situado na antiga neveira da fachada da Discotasca), é unha homenaxe á xente do mar e á memoria que as madeiras erosionadas polo salitre e o tempo gardan nas súas fibras. Con esta proposta, Chere consolida a súa traxectoria como un dos artistas máis singulares de Galicia, combinando pintura, escultura e muralismo colaborativo nunha carreira que abarca máis de dúas décadas.

Nado en Valdeorras e residente circunstancial en Vilagarcía de Arousa, Chere comezou o seu percorrido artístico en Vigo hai máis de 20 anos. “De pequeno xa facía pegatinas no instituto, cómics e carteis. Pero chegou un momento no que necesitaba expresarme doutro xeito. Vía que os cadros nos bares ou museos formaban parte da decoración, e eu quería provocar, romper con iso. Penso que os bares son lugares perfectos para atraer outro tipo de público”, lembra o artista. Así xurdiu o seu interese pola arte cargada de erotismo e provocación, que o levou a realizar exposicións anuais na zona de viños de Vigo, marcando o inicio dunha carreira caracterizada pola experimentación constante.

A evolución da súa obra é un reflexo da súa curiosidade e da súa capacidade para atopar inspiración nos materiais cotiáns. “A miña obra é o traballo dunha vida, vai mudando segundo o que me vai xurdindo. Por exemplo, atopei vaixelas rotas e empecei a facer esculturas; logo veu o muralismo colaborativo”, explica Chere. Estes murais, realizados en lugares como Ferrol, Vilagarcía, Boiro, Redondela, León ou Valdeorras, son unha das súas marcas distintivas. Nelas, o artista cede o protagonismo á comunidade: “Traballei con 200 ou 300 persoas por proxecto, quizais unas 6.000 en total. É unha tarefa de relaxación e meditación onde os propios habitantes son os artistas. Non fai falta que veña alguén de fóra a facer arte por eles”. Un exemplo deste traballo é a peza que fixo para Arte Lixo, exposta na rúa Alfonso XII, que reivindica a beleza dos obxectos descartados.

Ademais, Chere explorou o gravado, unha disciplina na que defende as tallas XXL e os canons de beleza clásicos, como os de Rubens, que considera infravalorados na era das redes sociais. “Busco reivindicar a beleza das formas que xa non se ven tanto, que non encaixan nos estándares actuais”, apunta.

De pel salgada: Unha oda á xente do mar

A súa nova exposición, De pel salgada, representa un xiro poético e etnográfico na súa carreira. Chere recolle madeiras antigas, “náufragas ou rotas”, que atopa tras temporais ou que aparecen lavadas polo mar. “Para min, un temporal é marabilloso porque trae cousas do mar. Esas táboas xa teñen unha historia: algunhas veñen dun incendio, outras están erosionadas polo salitre. Eu só lles dou unha segunda oportunidade, engado figuras como mariscadoras, surfistas ou xente da praia, e deixo que a propia táboa fale”, explica. Estas madeiras convértense en lenzos naturais sobre os que pinta escenas acrílicas inspiradas nas súas observacións das praias galegas. “Son un voyeur. Observo a xente nos seus paseos, nas conversas, nos xestos cotiáns, e plasmo iso. É unha homenaxe á xente de pel salgada, á xente do mar”, engade.

Aínda que Chere é orixinario do interior, de Valdeorras, a costa galega ten unha forte influencia na súa obra. “Vivín en Vigo, traballei en Vilagarcía, en Cambados… Coñezo a xente do mar. Nos meus paseos diarios vexo mariscadoras, redes, o movemento da marea. Iso inspírame”, confesa. Proyectos como Redeiras, Mulleres cheas de mar ou o propio De pel salgada son o resultado desta conexión co litoral, que transforma en arte cargada de poesía visual e memoria colectiva.

Unha mostra para o verán

A exposición De pel salgada non é só unha colección de pinturas, senón un exercicio de reflexión sobre a relación entre o ser humano e o mar. As madeiras, marcadas polo tempo, convértense en arquivos dunha narrativa común, onde cada escena pintada é un fragmento da vida cotiá. A mostra, que combina pintura documental e arte obxectual, invita os visitantes a deter o tempo e observar o que adoita pasar desapercibido. No Espazo Artístico Mínima Expresión, Chere ofrece unha proposta idónea para este verán, un diálogo entre a arte e a paisaxe que nos fai preguntarnos: que nos conta o mar sobre nós mesmos? De pel salgada poderá visitarse durante todo agosto e setembro en Redondela, consolidando a Chere como un artista que, desde a experimentación e a colaboración, segue a reinventar a maneira de narrar as historias da nosa terra.

Chere e Fon Conde (do colectivo Pitrina, organizadores ) diante de Mínima Expresión
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: