Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O espírito do circo de sempre revive con “Circus Feria” no festival Artistas de Rúa

243376481_4453322704724385_523276198195305724_n

Redondela xa ten todo a punto para unha xornada chea de maxia, circo e música coa celebración da XXVI edición do Festival de Artistas de Rúa. Desde as 18.00 horas ata a medianoite, seis compañías de teatro e circo encherán as rúas e prazas da vila con espectáculos para todos os públicos, nunha programación que combina humor, malabares, reflexión e música en directo. O broche de ouro porao o concerto de Pancho Varona, compositor e colaborador histórico de Joaquín Sabina, ás 23.15 horas na praza da Torre.

O festival arrincará ás 18.00 horas na alameda Castelao co espectáculo Circus Feria”, a cargo de Bambolea Producciones, unha compañía de circo e espectáculos de rúa con sede en Rivas Vaciamadrid, segundo explica Prisca, a súa directora artística, “agora estamos asentados na terra, no campito”. Con longa experiencia como profesora na Escola de Circo Carampa de Madrid, destaca a esencia do seu espectáculo: “É un circo tradicional, como o de toda a vida, con xogos como tirar aneis ás botellas, derribar latas ou carreiras de inflar globos con bombas de bicicleta, pero cun toque de orixinalidade para que pequenos e maiores se divirtan xuntos”.

A “Circus Feria” ofrece actividades dirixidas e outras libres, todas gratuítas, onde os asistentes poden gañar premios como cucuruchos de palomitas. Cada hora e media, a feira detense para dar paso a un mini cabaret circense de 20 minutos que engade un extra de diversión. “É unha experiencia máxica, sen electricidade nin novas tecnoloxías, que conecta á xente coas habilidades manuais e a diversión de antes, algo que encanta especialmente aos nenos e ás avoas”, asegura Prisca.

Bambolea Producciones, que leva anos creando espectáculos e coproducións, desprazouse expresamente a Redondela para este festival cos seus máis de 15 artistas, aínda que adoita actuar en Galicia, Portugal e Francia. “Pagannos por viaxar e montar todo o que implica o noso espectáculo, actuar é gratis”, bromea Prisca, quen destaca o bo recibimento do público: “O feedback é sempre moi positivo, especialmente das familias e os maiores, que repiten porque é unha experiencia moi especial. A xente valora esa maxia de xogar e compartir sen pantallas”.

A programación do festival complétase con outros espectáculos destacados. Ás 19.00 horas, a praza de Ponteareas acollerá “Ciganí 100%” de Antón Coucheiro, seguido de “Sen Patrón” da Compañía Pistacatro ás 19.45 horas na praza José Figueria, un show de malabares cheo de humor. Ás 20.30 horas, “Tavole” de Zirko Txosko na praza da Torre reflexionará sobre a convivencia a través do circo, e ás 21.15 horas, “Henriko” de Circo Cambuche na praza da Constitución narrará a traxicomedia dun funambulista. A “Gran Gala do Circo” de Pistacatro ás 22.15 horas na pista da Xunqueira pechará os espectáculos circenses cunha proposta multidisciplinar.“O Gran Circo Vintage” na Shopping Night

Coincidindo co festival, a Asociación de Empresarios de Redondela organiza a “Shopping Night” baixo o lema “O Gran Circo Vintage”. Medio cento de comercios locais permanecerán abertos ata a medianoite con descontos e agasallos. Prisca, de Bambolea Producciones, móstrase entusiasmada coa combinación de eventos: “Parécenos marabilloso que coincida coa Shopping Night, é unha oportunidade para que a xente saia, se active e goce da maxia do circo e das compras. Agardamos que o tempo acompañe e que Redondela se encha de alegría”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará