A Asociación de Veciños de Chapela impulsa un aparcamento provisional e novas propostas para mellorar a mobilidade na parroquiaA Asociación de Veciños de Chapela intensifica a súa demanda para aproveitar a parcela do antigo colexio Igrexa como aparcamento provisional e un pequeno parque, mentres non comezan as obras do futuro centro sociocultural previstas para este espazo. Esta iniciativa, que busca responder á crecente necesidade de estacionamento nunha zona con alta afluencia de usuarios, foi ben acollida polo Concello de Redondela, que xa iniciou os trámites para a súa habilitación.
Nun recente comunicado, a asociación detalla que a zona, próxima a servizos esenciais como o multiusos, a igrexa, o cemiterio, parques infantís, o instituto, o pavillón, supermercados e o Centro de Saúde, conta con só 100 prazas de aparcamento para máis de 900 asistentes diarios. A proposta non só busca facilitar o acceso a estes servizos, senón tamén contribuír á humanización da Avda. Redondela e dinamizar a economía local, fomentando o crecemento ordenado da parroquia.
“O aparcamento non é só unha comodidade, é un motor para atraer xente e dar vida á contorna”, sinalan dende a asociación.
Nunha reunión mantida o 25 de febreiro de 2024 co Concello e outros colectivos de Chapela, acordouse maioritariamente a construción do futuro edificio sociocultural de 700 metros cadrados, que incluirá zonas verdes e espazos para actividades culturais e sociais. Porén, mentres as obras non se inician, a Asociación de Veciños insiste en que deixar o solar baleiro é “unha oportunidade perdida” e propón esta solución temporal. Ademais, engaden unha nova proposta: a creación de dous aparcamentos permanentes, un na zona de Cubillón e outro detrás do Círculo Cultural e Recreativo de Chapela, que sumarían máis de 150 prazas, ampliando significativamente a oferta de estacionamento na parroquia.
Con todo, a iniciativa enfróntase á oposición da Comunidade de Montes de Chapela, que non apoia a creación do aparcamento provisional. A pesar diso, a Asociación de Veciños comprométese a seguir defendendo solucións prácticas para mellorar a calidade de vida e resolver os problemas urxentes da veciñanza.
Por outra banda, a asociación mantén a súa preocupación pola situación irregular de varias antenas de telefonía móbil instaladas na parroquia, algunhas sen licenza ou con informes desfavorables, segundo confirmaron tras solicitar documentación ao Concello. Critican que estas antenas poñan en risco a saúde e a calidade de vida dos veciños, esixindo a súa retirada inmediata.
Dende a Asociación de Veciños de Chapela subliñan o seu compromiso coa mellora da parroquia, apostando por solucións que combinen mobilidade, desenvolvemento económico e benestar social, á espera de que as súas propostas se materialicen co apoio do Concello e da comunidade.









