Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Tensión no pleno de Redondela: o BNG forza a suspensión da sesión tras tres chamadas á orde

suspenso pleno

O pleno ordinario de xullo do Concello de Redondela, celebrado a tarde-noite do xoves 31 no auditorio do Multiusos da Xunqueira, tivo que ser suspendido tras un enfrontamento protagonizado polo concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, quen recibiu tres amonestacións por interromper a sesión. A única moción aprobada, antes da interrupción, foi unha proposta conxunta para mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras do servizo municipal de recollida de lixo, presentada por AER, PSOE e PP.

A sesión, iniciada ás 20:30 horas, desenvolveuse con normalidade ata que González insistiu en tomar a palabra, a pesar de que, segundo a alcaldesa, non lle correspondía por decisión da xunta de portavoces celebrada o pasado martes. A rexedora explicou que “a xunta de portavoces, que se reúne sempre antes dos plenos, acordou a orde das intervencións e as mocións, e o señor González estaba informado”. Engadiu que “o BNG coñecía perfectamente o procedemento, e mesmo se lle tentou contactar para aclarar calquera dúbida, pero non houbo resposta”. Tras tres chamadas á orde, a alcaldesa aplicou o regulamento, que obriga á retirada do concelleiro á terceira amonestación. González, pola súa banda, negouse a abandonar o pleno, argumentando que “temos un acordo verbal para que, cando hai unha moción conxunta, cada grupo poida intervir, e vostede non nos deixa defender a nosa postura”.

Xoan Carlos González, voceiro do BNG.
Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

Roberto Villar, de AER, interveu para aclarar que “a moción foi presentada polo PSOE a través do rexistro, non polo PP, e na xunta de portavoces acordouse que o PP pecharía a intervención por unha cuestión de representación”.

Roberto Villar, AER.

Tras unha pausa de dez minutos, a tensión non se resolveu, xa que o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, negouse a abandonar o pleno a pesar de recibir tres chamadas á orde, conforme establece o Regulamento Orgánico do Concello de Redondela. Ante esta situación, os grupos políticos AER, PSOE e PP decidiron conxuntamente suspender a sesión.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará