O pleno ordinario de xullo do Concello de Redondela, celebrado a tarde-noite do xoves 31 no auditorio do Multiusos da Xunqueira, tivo que ser suspendido tras un enfrontamento protagonizado polo concelleiro do BNG, Xoán Carlos González, quen recibiu tres amonestacións por interromper a sesión. A única moción aprobada, antes da interrupción, foi unha proposta conxunta para mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras do servizo municipal de recollida de lixo.
Antes da suspensión do pleno de xullo, aprobouse por maioría a moción conxunta co apoio de 9 votos do PP, 5 do PSOE e 1 de AER, sen votos en contra e coa abstención dos 3 concelleiros do BNG. A proposta, impulsada pola representación legal das persoas traballadoras de Urbaser, empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo, busca garantir unhas condicións laborais óptimas e mellorar a calidade do servizo.
A moción expón que o contrato de Urbaser, vixente dende 2007, establecía un cadro de 18 traballadores fixos indefinidos, pero na actualidade só 13 teñen esta modalidade contractual, con 17 empregados rexistrados en marzo de 2025. Ademais, destaca o aumento da carga de traballo debido ao crecemento do turismo –cun incremento do 2.117% de peregrinos dende 2007– e á maior complexidade do servizo, con novas recollidas selectivas e un aumento do 347% na retirada de voluminosos. Isto, sumado á redución de persoal efectivo por baixas e excedencias, compromete a calidade do servizo e a saúde dos traballadores.Os acordos aprobados inclúen:
- Esixir a Urbaser a contratación de dúas persoas fixas indefinidas, unha para a quenda de mañá e outra para a de noite, para reforzar os equipos de recollida de voluminosos, repasos e carga traseira.
- Formalizar este compromiso nun documento público, con copia para a representación legal dos traballadores.
A suspensión do pleno deixa pendentes outras cuestións previstas na orde do día, que deberán abordarse nunha nova sesión.









