Luis López e Luciano Otero
As instalacións do Campo da Feira de Moscoso serán o epicentro dun proxecto de mellora que transformará este espazo de gran valor patrimonial. Grazas a un convenio asinado entre o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde Luciano Otero, investiranse preto de 300.000 euros, financiados integramente pola Deputación a través dos plans Extra e +Provincia. A actuación, cuxo proxecto foi aprobado no pleno municipal celebrado o pasado mércores 28 de maio, supón unha inversión específica de 246.339 € para modernizar a contorna do Campo da Feira.
O proxecto do Campo da Feira busca modernizar a contorna, eliminando un sentido de circulación para priorizar o tránsito peonil, rehabilitando a antiga Praza do Mercado e o lavadoiro público, e dotando o lugar de nova pavimentación en pedra, formigón e céspede, xunto con mobiliario urbano, vexetación e sinalización, respectando o seu valor etnográfico e funcional. Este proxecto non só revalorizará o Campo da Feira como zona verde, senón que tamén preservará os camiños da auga, elementos clave do patrimonio local.
A colaboración da Deputación con Pazos de Borbén vai máis alá, xa que o concello recibirá este ano preto de 1,1 millóns de euros para diversos proxectos a través de programas como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, consolidando o compromiso provincial co desenvolvemento deste espazo emblemático. O goberno municipal, segundo se destacou no pleno, “segue traballando con compromiso, ilusión e responsabilidade, promovendo proxectos que nacen do diálogo coas parroquias e da vontade de construír un Pazos mellor para todas e todos”.









