Foto de Carmen Vallejo (Directora), Francisco Bonanad (Secretario), Maxi P. Vidal (Xefe de Estudos)
O centro, pioneiro na vila, incorpora esta modalidade para o curso 2025-2026 con 15 alumnos inscritos e planea ofrecer portugués como segunda lingua estranxeira no futuro.
O IES Mendiño convértese no primeiro e único centro de Redondela en ofrecer o Bacharelato Xeral, unha nova modalidade educativa que se incorpora á súa oferta para o curso 2025-2026. Esta opción, introducida pola LOMLOE, arranca con 15 alumnos e alumnas e busca consolidarse como unha alternativa flexible para aqueles estudantes que aínda non teñen claro o seu futuro académico ou profesional.
A directora do IES Mendiño, Carmen Vallejo, destacou a importancia desta incorporación: “É unha boa nova para o centro e para Redondela. Que o alumnado poida cursar o Bacharelato Xeral na vila é positivo, tanto para as familias, que evitan desprazamentos, como para os estudantes, que poden continuar cos seus compañeiros nunha etapa clave”. Vallejo subliñou que esta modalidade beneficia especialmente a quen busca unha formación menos especializada que as tradicionais ramas de Ciencias e Tecnoloxía, Humanidades e Ciencias Sociais ou Artes. “O Bacharelato Xeral ofrece unha maior flexibilidade, con materias comúns como Matemáticas Xerais e dúas optativas que o alumnado pode elixir en función dos seus intereses, xa sexan de carácter tecnolóxico, humanístico ou científico”, explicou.
Unha opción para perfís diversos
O Bacharelato Xeral está deseñado para estudantes que non teñen definido o seu camiño académico ou que buscan acceder a ciclos formativos de grao superior sen necesidade de pasar pola PAU. “É ideal para quen quere unha formación profesional pero atopa barreiras, como a falta de prazas en ciclos de grao medio ou problemas de mobilidade”, indicou Vallejo. Por exemplo, un alumno interesado nun ciclo de Actividades Físicas, como o que se oferta en Poio, podería atoparse coas 22 prazas cubertas e ter que desprazarse a Silleda ou Gondomar, ou ben optar por un centro privado, o que supón un custo económico que non todas as familias poden asumir. “Co Bacharelato Xeral, o estudante pode completar esta etapa e acceder directamente a un ciclo de grao superior”, engadiu a directora.
A atención personalizada, grazas a grupos máis reducidos nas materias troncais, é outro dos reclamos desta modalidade. “Os 15 alumnos forman un grupo homoxéneo, aínda que compartirán algunhas optativas cos outros dous grupos de Bacharelato, o de Ciencias e Tecnoloxía e o de Humanidades e Ciencias Sociais”, detallou Vallejo. O centro, que conta cunha oferta de 33 prazas para esta modalidade, aínda dispón de vacantes para o curso que comezará en setembro.
Futuros proxectos: portugués como segunda lingua
O IES Mendiño tamén planea ampliar a súa oferta formativa coa incorporación do portugués como segunda lingua estranxeira a partir do curso 2026-2027, unha iniciativa que busca reforzar os lazos culturais, históricos e económicos co país veciño. “Ningún outro centro de secundaria en Redondela ofrece esta lingua, e cremos que é unha oportunidade para completar a formación do noso alumnado, que poderá optar a un título equivalente ao B1”, apuntou Vallejo.
Con esta nova modalidade e os proxectos en marcha, o IES Mendiño consolídase como un referente educativo en Redondela, ofrecendo opcións diversas e adaptadas ás necesidades do seu alumnado. “Estamos moi ilusionados e desexando que comece o curso para poñer en marcha este proxecto”, concluíu a directora.









