Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As Anpas denuncian recortes que afectarán ao alumnado con necesidades de apoio

cesantes

A Federación de Anpas de Redondela vén de presentar ante a Consellería de Educación varias solicitudes para reclamar o mantemento de unidades e profesorado de apoio en centros educativos do concello. As peticións veñen motivadas por múltiples comunicacións que apuntan a recortes inminentes nos colexios Outeiro das Penas e Santa Mariña así como na Escola Infantil San Pedro de Cesantes, que afectarían directamente á atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e, por ende, a todo o alumnado en xeral, comprometendo a calidade e a equidade do ensino público.

As solicitudes presentadas afectan ao CEIP Outeiro das Penas, onde se propón a supresión dunha das dúas unidades de 5º de Primaria, a pesar de contar cunha elevada porcentaxe de alumnado con NEAE; ao CEP Santa Mariña de Redondela, que vería recortado o profesorado de apoio PT, indispensable para garantir unha atención personalizada ao alumnado con maiores dificultades; e ao EEI San Pedro de Cesantes, que perdería o reforzo de apoio educativo sen cambios con respecto ao ano anterior. A Federación reclama tamén o mantemento doutras medidas organizativas axustadas aos principios de equidade, inclusión e non discriminación que deben rexer o sistema educativo galego.

As Anpas advirten de que estas decisións administrativas contradín os compromisos adquiridos pola Xunta de Galicia en materia de inclusión, redución progresiva de ratios e aumento de recursos para atender ao alumnado con necesidades educativas. Ademais, denuncian que se está a facer unha interpretación interesada e restritiva da normativa sobre o cómputo ponderado do alumnado con necesidades especiais e específicas de apoio educativo, en detrimento do benestar e dos dereitos dos nenos e nenas aos que se lles debe garantir unha atención adecuada.

A Federación de Anpas de Redondela insta á Consellería a que non leve a cabo recortes encubertos aproveitando cambios organizativos, e solicita unha resposta formal ás súas demandas. As familias reiteran a súa disposición ao diálogo, mais advirten que non permanecerán impasibles ante decisións que comprometan o futuro educativo dos nenos e nenas do municipio.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará