Un total de sete escolas unitarias pecharán as súas portas o vindeiro curso por falta de alumnado. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación profesional informa de que nestas escolas non se chegou ao mínimo de cinco matriculados para garantir a súa continuidade. Entre as que pechan as súas portas atopamos a de Romariz en Soutomaior, onde só houbo tres inscritos.
A Xunta de Galicia adapta así o mapa escolar á evolución demográfica para o vindeiro curso escolar, o que implica que deixarán de funcionar sete unitarias por falta de alumnos, mentres que tres permanecerán abertas a pesares de teren unicamente cinco matriculados. Pola contra, para atender á crecente demanda de matrícula, construiranse tres novos centros e realizaranse obras de ampliación noutros 18 en concellos de toda Galicia.
Así pois, debido á matrícula insuficiente e sen previsión de incremento, este próximo curso non prestarán servizo educativo as escolas de Educación Infantil da Lagoa (Arteixo, 4 nenos), de Muros (3 nenos), Queiruga (Porto do Son, 1 neno) e Romariz (Soutomaior, 3 nenos) e os colexios de Seráns (Porto do Son, 3 nenos), de Castromil (Vimianzo, 3 nenos) e de Negueira de Muñiz (4 nenos). Os nenos destes centros teñen xa praza nos colexios de referencia máis próximos.
Estas unitarias non acadan o número mínimo de cinco alumnos que a Xunta rebaixou nos últimos cursos, posto que anteriormente estaba establecido en seis.









