O colectivo republicano de Redondela celebra este domingo día 27 unha concentración na praia da Punta en Cesantes ás 12:00 hora para amosar o seu rexeitamento ante a celebración na Illa de actividades como o festival Sinsal. A protesta está convocada baixo o lema “San Simón non é un parque temático. É un campo de memoria” e chega un mes despois doutra concentración convocada naquela ocasión pola celebración dun congreso de bachata na Illa.
O Colectivo Republicano, quen ven de publicar un vídeo para promover e explicar os motivos que os levan a convocar esta protesta, explica que “malia non estaren en contra de que se lle dea uso a Illa, esixen que as actividades que alí se organizan sean coherente co valor histórico e humano dun espazo destas características”. Neste sentido explican que do mesmo xeito que non sería aceptabla que se celebrasen “festas en Auschwitz, concertos en Dachau ou desfiles de moda en Buchenwald” tampouco se poden permitir este tipo de propostas no que foi un campo de concentración en tempos do franquismo. Reclaman á Xunta que non se permita na Illa a celebración de “eventos privados, festas e celebracións alleas á dor que alí se viviu”.
Convocan esta manifestación, que terá lugar o 27 de xullo ás 12:00 horas “por todas as persoas que pasaron por aquela illa e que non volveron. Para que a memoria non sexa enterrada baixo o ruído da música e o brillo das copas”.
Festival Sinsal
Lembramos que o festival ofrecerá, ao longo de tres xornadas, unha programación con 21 concertos e 15 sesións musicais en escenarios alternativos con DJs e a Orquesta Clásica de Vigo e máis de 15 actividades paralelas que terán lugar do 25 ao 27 de xullo na illa de San Simón.










