A concelleirade cultura, Rita Pérez, Gustavo Cuntín de Treixadura, a alcaldesa, Digna Rivas e Antonio Cabaleiro, concelleiro e fillo do homenaxeado
O paseo marítimo de Chapela acolle este xoves 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, unha cita musical que servirá para homenaxear a Antón Cabaleiro, veciño de Chapela, músico e unha das voces de formacións como Treixadura, A Roda ou Froles Mareliñas, entre outras. Cabaleiro, falecido ha case dous anos, foi tamén concelleiro no Concello de Redondela.
A xornada comezará co concerto do grupo redondelán Cantatorrella ás 21.00 horas. O acto institucional de homenaxe será ás 22.00 horas, para dar paso despois á recoñecida formación Treixadura. Tamén participará na homenaxe a agrupación Frores Mareliñas, de Chapela, da que Antón Cabaleiro foi membro e director.
Rivas destacou “o compromiso vital de Antón Cabaleiro coa música galega, coa cultura do país e, sobre todo, a súa bondade e o carácter afable que o definían como un dos bos e xenerosos”. A alcaldesa sinalou que “aqueles que tivemos a fortuna de coñecelo persoalmente lembramos a Antón como un entrañable veciño e un gran compañeiro, ademais de ser unha recoñecida figura da música galega”.
Unha homenaxe que ten como cabeza de cartel o grupo Treixadura, que leva aos escenarios un espectáculo de canto e gaita, que eleva a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Desde 1990 recuperan melodías do anonimato, crean novas composicións e comparten a forza evocadora do canto colectivo. A súa actuación en Redondela é unhas das citas coas que despide “Camiño longo”, o seu último traballo discográfico publicado en 2022 e no que se recollen as tres décadas de vida do grupo que está a percorrer os concello da man da Deputación.
Día de Galicia
O propio día 25 contará tamén con actividades musicais programadas pola Concellería de Cultura. Será co grupo Tanto Nos Ten, quen se subirán ao escenario o festivo do venres ás 22:00 horas na praza da Casa da Torre. Previamente, ás 20:00 horas na Alameda de Redondela terá lugar o acto institucional amenizado polas pandereteiras Ledicia de Trasmañó. Haberá tamén lecturas de textos de Castelao a cargo de diferentes voces infantís.









