Buscar estacionamento é sempre complicado nos núcleos urbanos. Así o entenden na asociación de veciños de chapela que ven de demandar do Concello que se habiliten, na parcela que antigamente ocupaba o colexio Igrexa, prazas de aparcamento provisionais. O obxectivo sería aproveitar este terreo como parking ata que non se proceda á construción do prometido centro sociocultural que no futuro ocupará este espazo ao carón da autoestrada.
A parcela do antigo colexio Igrexa urbanizarase con zonas verdes e un local de 700 metros cadrados co obxecto de dotar aos colectivos socias e culturais de Chapela de espazos para desenvolver as súas actividades. Con todo, polo de agora aínda non arrancaron as obras polo que dende a Asociación de Veciños trasladaron ao concello unha petición para empregar ese espazo como “aparcamento provisional”.
A proposta aseguran que “foi ben acollida polo goberno local e o proceso para habiltiar eses estacionamentos está xa en marcha”
O colectivo solicitou tamén ao concello a documentación das cinco antenas de telefonía móbil instaladas na parroquia confirmando así o que xa sospeitaban: que algunha delas están en situación irregular, sen licenza ou con informes desfavorables.
Critican que esas antenas se manteñan activas nesta condicións “poñendo en risco a saúde da veciñanza e afectando á calidade de vida no barrio. Por ese motivo esixen a súa retirada.









