Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Chapela non atopa rival

chapela wofco

Foto: MACHremo

As embarcacións do Club de Remo de Chapela lograron unha nova vitoria en augas de Moaña. Fixéronse co triunfo tanto na Liga A como na liga Feminina e, en ambos casos, manteñen o liderado na clasificación xeral. Na fin de semana tamén as remeiras de Chapela se fixeron coa X Bandeira Concello de Oleiros.

As augas de Moaña acolleron este domingo a XI edición da Bandeira Illa de Samertolaméu. Unha nova proba na que a traiñeira de Chapela-Wofco foi a gañadora nunha carreira moi pelexada na que os de Tirán-Pereira non deron en ningún momento a batalla por perdida. Finalmente os de Chapela lograron a vitoria nunha proba que resolveron en 20:43,34, sete segundos menos que os remeiros de Tirán Pereira que entraron en segundo lugar e cunha vantaxe de 20 segundos sobre os terceiros clasificados, a embarcación de Samertolaméu Oversea. En cuarto lugar entraron os de Bueu e en quinto a embarcación de Urme, mentres que os de Cesantes quedaron no décimo primeiro lugar.

Na clasificación xeral unha de cal e outra de area para as embarcacións de Redondela, xa que mentres a de Chapela lidera a clasificación, os de Cesantes Rodavigo atópanse na última posición.

Liga feminina

As de Chapela están tamén nun excelente momento liderando a clasificación xeral logo de sumar este domingo unha nova vitoria, tras impoñerse con rotundidade na I Bandeira Feminina Concello de O Grove que se disputou na pista de Pedras-Negras organizada polo club Amegrove. As de Chapela sacaron catorce segundos de vantaxe ás segundas clasificadas, a embarcación de Tirán Pereira, mentres que as anfitrioas entraron en terceiro lugar. A embarcación de Cesantes acadou a oitava posición.

Vitoria que chega logo de que na xornada anterior as de Chapela tamén foran as triunfadoras da X Bandeira Concello de Oleiros, por diante de Tirán Pereira e Cabo da Cruz. Uns triunfos que amosan o bo estado de forma das de Chapela que non parece que vaian atopar obstáculos para certificar un novo título na Liga Galega Feminina.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará