O goberno de Alternativa Veciñal recupera así un proxecto paralizado desde 2017 e consegue o visto bo da Xunta para avanzar cara á súa legalización e urbanización definitiva. Con esta validación só restaría a aprobación final en Pleno para que o polígono industrial quede plenamente desbloqueado. O alcalde Luciano Otero fai un chamamento á responsabilidade de todas as forzas para que apoien este proxecto que beneficiará a todo o concello.
O alcalde de pazos, Luciano Otero amosa a súa satisfacción porque entende que este paso é decisivo para desbloquear a situación de alegalidade na que se atopaba o polígono industrial de Amoedo desde hai máis de sete anos. Engade que isto dará garantías ás empresas alí asentadas ou as que no futuro poidan ter interese en comezar a traballar nunha das parcelas do polígono o que asegura “é unha aposta clara polo emprego e o desenvolvemento económico, clave para que as nosas veciñas e veciños poidan ter un proxecto de vida no noso concello. Ter un polígono legalmente constituído e en condicións de ofrecer espazos a empresas é sinónimo de oportunidades, de traballo preto da casa e de futuro para a nosa xente”.
O proxecto fora aprobado inicialmente en Pleno no ano 2017, pero nese mesmo ano a Xunta emitiu un requirimento técnico que nunca foi contestado polo goberno anterior do PP. Desde entón, o polígono quedou nunha situación de bloqueo absoluto, impedindo o seu crecemento e xerando inseguridade xurídica ás empresas xa instaladas nel.
O novo executivo municipal de AV decidiu retomar este asunto prioritario e, tras un intenso traballo técnico e político en coordinación con Urbanismo da Xunta, a Xunta emitiu o seu visto bo definitivo. Asegura que esta resolución da xunta é froito do traballo “discreto, constante e firme realizado polo goberno de Pazos nos últimos anos.
Con esta validación, só restaría a aprobación final en Pleno para que o polígono industrial quede plenamente desbloqueado. Será necesario iso sí a maioría da corporación para a súa aprobación definitiva. Superado ese trámite se poderían iniciar as obras de urbanización, dotar os terreos dos servizos básicos e comezar a conceder licencias ás empresas interesadas.
O Alcalde anuncia que iniciará unha rolda de contactos e fai un chamamento á responsabilidade de todas as forzas políticas para que apoien un proxecto que non é só de Amoedo, senón de todo Pazos de Borbén.









