Hoxe é Venres 5 de Decembro de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP denuncia o “colapso” dos Servizos Sociais e Rivas asegura que o servizo funciona “con normalidade”

servizos sociais

O portavoz do PP, Javier Bas, denuncia “o grave colapso que sofre a área de Servizos Sociais do Concello” provocado pola falta de persoal e a desorganización interna que se traduce en esperas de “semanas ou meses para lograr unha cita”. Críticas que a alcaldesa Digna Rivas rexeita asegurando que “as citas están a darse con normalidade, cunha espera media de dúas semanas”. Iso sí, puntualiza que “as citas ordinarias nos meses de verán poden rexistrase tempos de espera algo máis longos polas vacacións das traballadoras”.

Son moitos os veciños e veciñas aseguran dende o PP, que lles fixeron chegar as súas queixas polo funcionamento do servizo provocado pola falta de persoal e a desorganización do que culpabilizan directamente “a incapacidade da concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, e a indiferenza absoluta da alcaldesa, que permanece allea ao sufrimento de moitas familias”.

Dende o PP acusan a Rivas de manter unha dobre vara de medir “critica á Xunta por falta de medios, pero ela nin reforza o persoal nin pon en marcha medidas efectivas para mellorar os servizos sociais. Os veciños seguen esperando semanas ou meses por unha cita, e a alcaldesa prefire confrontar en lugar de xestionar”, subliñou o portavoz popular.

Javier Bas lembrou que o Partido Popular leva tempo alertando desta situación e propoñendo solucións reais como son o incremento de persoal, a revisión do sistema de citas e a reestruturación da área. Con todo, o goberno local fai oídos xordos, mentres a situación segue empeorando.

Rivas nega que exista colapso

O departamento municipal de Servizos Sociais do Concello de Redondela conta cun total de catro traballadoras sociais, “isto supón unha traballadora máis que nos anteriores gobernos do PP”, explica a alcaldesa Digna Rivas. As citas nestes servizos, tanto en Redondela como en Chapela, están a darse con normalidade, cunha espera media de dúas semanas e no caso das urxencias as persoas que o precisan son atendidas “ao momento”. No caso das citas ordinarias, nos meses de verán poden rexistrase tempos de espera algo máis longos, como é habitual polas vacacións que corresponden ás traballadoras.

Con estes datos o Concello nega o “colapso” dos Servizos Sociais que denuncia o grupo municipal do PP e denuncia que os populares “só pretenden correr unha cortina de fume tralas queixas totalmente fundadas da cidadanía polo que acontece coa Sanidade”. Hai anos, durante os gobernos de Javier Bas, “si que se deron situacións de colapso” apunta a alcaldesa, quen lembra que ata o Valedor do Pobo chegou a denunciar en 2015 “demoras inxustificadas nos trámites da Risga” en Redondela con atrasos de cinco meses. Advirte Rivas tamén que durante os gobernos do Partido Popular “a espera para ser atendido no departamento de Servizos Sociais chegou a superar as 10 semanas”.

A alcaldesa lamenta o xeito de facer oposición do PP redondelán, “que está a cruzar todas as liñas vermellas, con difamacións constantes contra este goberno que non se sosteñen”. “O único que conseguen é crear unha alarma innecesaria entre a poboación, con informacións falsas que só buscan desgastar ao goberno”, conclúe Rivas

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará