Os nacionalistas explican que o requirimento do Ministerio, que obrigou ao goberno de Rivas a reducir en preto dun millón de euros o orzamento municipal, débese a que “a alcaldesa se presentou á cuestión de confianza cuns orzamentos ficticios” nos que se contemplaban uns ingresos “moi afastados da realidade”. Engaden que a redución do orzamento suporá rebaixas ate en 31 partidas con recortes en numerosas áreas que nalgúns casos superarán o 50% sobre o inicialmente previsto.
O BNG explica que é “un feito sen precedentes” que Facenda presentar un informe no que obriga ao concello de Redondela a recortar os seus propios orzamentos en preto dun millón de euros antes de que entren en vigor “por non axustárense á realidade”. Unha obriga imposta na que se cuestiona grande parte do plan económico que se presentou para aprobar os orzamentos municipais xa que entenden que Redondela non vai recadar os 22’6 millóns de euros que recollía na proposta da cuestión de confianza de Digna Rivas.
A rebaixa establecida polo Ministerio “supón que moitas gastos que tiñan en teoría ben planificados vanse ver reducidos”, sinala o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González quen sinala que o goberno terá que reducir investimentos en 31 partidas sobre a súa proposta inicial de orzamentos e que afectarán a áreas como cultura, alumeado público, infraestructuras, muller, deportes. Entre as partidas máis chamativas que se deben recortar superando o 50% sinala as humanizacións, expropiacións, diversas inversións en infraestruturas e actividades culturais.
González amósase tamén sorprendido ante as declaracións triunfalistas da alcaldesa malia desta importante rebaixa “semella a orquestra do Titánic que mentres se afunde o barco, segue tocando como se nada sucedera”, ironiza.









