O rife rafe entre os grupos da oposición e o goberno vivido na sesión plenaria celebrada onte podería acabar nos tribunais. Así o advirten dende o PP que falan dun “acto sen precedentes” por parte da alcaldesa Digna Rivas por “impedir o debate sobre as alegacións presentadas ao orzamento, ignorando ademais a vontade expresada polo Pleno, que votou en contra da súa desestimación”. Ante esta situación solicitan a paralización inmediata do procedemento e advirten que as actuacións de Rivas poderían vulnerar gravemente a legalidade e derivar en responsabilidades penais.
Explican os populares que a alcaldesa impediu o debate sobre as alegacións presentadas ao orzamento municipal para 2025, ignorando de maneira consciente e deliberada a vontade expresada polo Pleno, que votou en contra da súa desestimación. Unha decisión política “sen precedentes”, que pode ter consecuencias penais, asegura Javier Bas, quen engade que a decisión de Rivas ignorando a soberanía do pleno “podería constituír un delito de prevaricación”.
Lembramos que na votación deste martes as alegacións presentadas contra o orzamento foron aprobadas polo pleno, ao votar a favor das mesmas PP e BNG pero “a alcaldesa en lugar de acatar a decisión do órgano soberano da Corporación, optou por actuar coma se as alegacións foran rexeitadas, anunciando a aprobación definitiva do orzamento”.
Engaden que a Sentenza do Tribunal Supremo do 13 de febreiro de 2015 é moi clara “cando existen alegacións presentadas, o orzamento só pode ser aprobado definitivamente mediante unha decisión expresa do Pleno”. O Pleno sería, polo tanto, o único competente para resolver as alegacións, nin os informes técnicos nin a vontade política unilateral da alcaldesa poden substituír unha votación democrática e soberana da Corporación.
Por todo isto, o Grupo Municipal do Partido Popular esixe a paralización inmediata da aprobación definitiva dos orzamentos mentres non se dea cumprimento ao acordo plenario que deixou sen desestimar as alegacións presentadas.









