A campaña ten como lema “Contrata sen”: sen data de caducidade apostando polo valor da experiencia das persoas maiores de 45 anos; sen horas de voo, confiando na capacidade e potencial da mocidade menor de 25 anos; sen xénero de dúbidas, combatendo os estereotipos de xénero e sen denominación de orixe, rachando así cos prexuízos vencellados ao país de orixe ou nacionalidade. Unha iniciativa que busca eliminar barreiras de acceso ao mercado laboral para as persoas con maiores dificultades.
O obxectivo é concienciar o tecido empresarial e a cidadanía sobre a necesidade de eliminar os estereotipos que aínda dificultan o acceso ao mercado laboral para moitas persoas. Esta acción desenvolverase durante os meses de verán en diversas localidades galegas, mediante a distribución de materiais de sensibilización dirixidos ao tecido empresarial local, que será protagonista na difusión da campaña.
A Asociación de Empresarios de Redondela únese á campaña que se levará a cabo entre o 15 e o 31 de xullo nesta localidade e durante a cal se distribuirán materiais promocionais como manteis, que se entregarán ás empresas colaboradoras para a súa difusión entre clientes e redes.
A iniciativa, impulsada polo Plan de Emprego da Cruz Vermella, pretende implicar ao empresariado na eliminación de prexuízos que aínda hoxe frean a moitas persoas na busca dun posto de traballo. Talento, motivación e profesionalidade son cualidades que non entenden de idade, xénero, procedencia ou experiencia previa, e esta campaña convida ás empresas a contratar sen etiquetas.









