O verán complica a atención médica nos centros de saúde da contorna. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas denuncia “a falta de xestión” do Sergas por parte da Xunta de Galicia e advirte que tanto no centro de saúde de Redondela como no de Chapela “hai pacientes que non teñen posibilidade de pedir unha cita co médico de familia en todo o mes de xullo”. En Pazos o alcalde Luciano Otero fala dunha situación “crítica” cunha única médica no centro de saúde situación que di “agravarase cando a facultativa colla vacacións e o servizo quede sen atención médica en varios días das próximas semanas”.
A escaseza de persoal sanitario nos centros de saúde de Redondela e Chapela é recorrente, ao non cubrirse en moitas ocasións as baixas, vacacións e outras ausencias dos facultativos. A falta de médicos agrávase un ano máis coa chegada do verán “malia que as necesidades de atención sanitaria non diminúe”, sinala a alcaldesa Digna Rivas. A rexedora denuncia “a falta de xestión” do Servizo Galego de Saúde por parte da Xunta. Rivas denuncia que tanto no centro de saúde de Redondela como no de Chapela “hai pacientes que non teñen posibilidade de pedir unha cita co médico de familia en todo o mes de xullo”, unha situación que considera “intolerable”. No caso do PAC de Redondela faltan un total de catro facultativos, un pediatra e cinco enfermeiras e enfermeiros. Ademais da ista de agarda para unha cita co médico de familiar salienta que “a día de hoxe as analíticas demóranse ata o 9 de agosto”.
A alcaldesa advirte que o feito de non poder recibir atención médica no centro de saúde “supón un impacto negativo directo na saúde de veciños e veciñas, moitos deles de idade avanzada ou con enfermidades crónicas, e que deben recibir atención médica sen soportar demoras de varias semanas”. Esta situación te outro efecto negativo, que é a saturación dos servizos de urxencias, tanto nos PAC como nas urxencias hospitalarias.
Desde o goberno local de Redondela esíxese á Xunta de Galicia unha intervención urxente para solucionar esta grave situación. Desde o Concello advirten que non se trata dun problema puntual por un imprevisto, senón unha falta total de organización e planificación por parte da Xunta nun asunto vital como é a saúde dos veciños e veciñas.
Situación crítica en Pazos de Borbén
Unhas demoras e unha falta de persoal que non é exclusiva de Redondela. Dende pazos de Borbén o seu alcalde, Luciano Otero fala dunha “situación crítica no centro de saúde cunha única médica atendendo o servizo”. Engade que esta persoa ademias de atender a todo a veciñanza ten que facer gardas noutros centros fóra de Pazos o que provoca que “cando lle toca librar desas gardas (algo totalmente lexítimo), o noso centro quede sen facultativo”.
Engade que a situación agrávase coas vacacións xa que “todo apunta a que imos quedar sen atención médica en varios días das próximas semanas”.
Ante esta situación instan a todos os pacientes a que presenten as súas queixas e reclamacións por escrito ben no rexistro do Concello ou directamente na web da Xunta e instan a Consellería de Sanidade a poñer solución a un problema que afecta directamente á saúde da veciñanza.