O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniuse coa Fundación de Ferrocarrís Españoles para analizar as diferentes alternativas ao trazado da Vía Verde entre Arcade e Pontevedra nun encontro de traballo no que tamén participou o vicepresidente Rafa Domínguez. Está previsto que a entidade encargada da redacción do plan de factibilidade do proxecto, presente unha proposta nos vindeiros catro meses, aínda que o prazo está condicionado aos tempos do Adif para desafectar os terreo.
A reunión serviu para marcar os pasos a seguir neste inicio de tramitación do proxecto. O primeiro paso será a solicitude oficial da desafectación dos terreos ao Adif en favor da Deputación de Pontevedra, institución que promove e lidera o proxecto. Unha vez superado ese trámite, será o momento de deseñar o trazado e buscar as alternativas naqueles puntos onde a senda non poida discorrer polos treitos ferroviarios en desuso.
Así mesmo, advertiu López que a convivencia entre a vía en desuso e a que aínda está activa, con escasos metros de separación, obrigará aos promotores do proxecto a buscar unha solución que garanta a viabilidade do proxecto e a seguridade dos usuarios.Neste sentido, o presidente tendeu a man aos concellos de Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra, polos que transcorre este itinerario, para que acheguen as súas propostas.
Completar a Vía Verde entre Vigo e Vilagarcía é o obxectivo final do organismo que preside Luis López, unha meta que comeza co treito entre Arcade e Pontevedra, algo máis de dez kilómetros, para o que xa se están a dar os primeiros pasos.