Vilar de Infesta prepárase para celebrar esta fin de semana as súas tradicionais festas de San Benito, con dous días de actividades continuadas para todas as idades. Un programa que se desenvolverá este venres e sábado e que inclúe un serán, actividades para os máis cativos con Brais de Hortas e verbenas amenizadas pola orquestra Magos e o grupo Takicardia ademais dos tradicionais actos relixiosos.
O venres 11 de xullo, a xornada comezará desde ben cedo con misas en honra a San Benito, celebradas cada hora desde as 9:00 ata as 13:00, cando terá lugar a misa maior seguida da procesión acompañada pola Banda de Música Municipal de Redondela. Ás 10:00 a mesma banda animará as rúas co seu pasarrúas, e a partir das 13:30 celebrarase a sesión vermú con subasta, concerto e a presenza do polbeiro.
Pola tarde, ás 19:30, o torreiro converterase nun espazo familiar co espectáculo “Zona en obras” a cargo de Brais das Hortas e actuacións do grupo de baile moderno Falcatruada de Vilar de Infesta e do grupo Bambalina. A festa continuará á noite coa gran verbena amenizada pola orquestra Magos e a discoteca móbil EME Music.
O sábado 12, a festa relixiosa comezará ás 12:30 coa misa e procesión, esta vez acompañada pola Charanga SDK de Guláns, que continuará animando a sesión vermú ás 13:00, tamén con polbo. Xa pola noite, a partir das 20:00, celebrarase un serán tradicional con actuacións dos grupos Follas Verdes, Airiños de San Simón (gaitas e baile) e Aluarado de Vilar de Infesta. A partir das 22:30, a gran verbena de peche contará co grupo Takicardia e a discoteca móbil DJ Anhell, para rematar a festa por todo o alto.
As festas desenvolveranse no amplo torreiro de Vilar preto da igrexa, onde haberá espazo para postos de comida, rosquillas e atraccións infantís, con bo ambiente, música e tradición. Dende a organización animan a toda a xente a achegarse a Vilar de Infesta para gozar de dous días intensos de celebración conxunta.
