A illa acollerá o domingo 20 de xullo unha homenaxe organizada pola Iniciativa Galega pola memoria, nunha xornada que serve para lembrar ás vítimas do franquismo e homenaxear a todos aqueles presos que pasaron pola Illa entre os anos 1936 e 1943 cando San Simón foi convertida nun campo de concentración no que foron encarceradas máis de 6.000 persoas
Dende o Colectivo Alén Nós, integrado na Iniciativa Galega Pola Memoria, lembran que dispoñen de 20 prazas. As persoas interesadas poden anotarse no correo da asociación. Asoc.cult.nos@gmail.com
Con esta reserva terán dereito ao desprazamentos en barco ata a Illa o día 20 para poder participar así no acto que reinvindicará unha vez máis a memoria do que alí aconteceu e demandará un maior compormiso público por parte das administracións galega e estatal para preservar e dar a coñecer o que alí aconteceu.
A conmemoración da vindeira semana chega marcada polo acontecido a inicios de ano cando o Deputado do PP, José Luis Ferro puxo en dúbida a existencia de asasinatos na Illa ao afirmar no Parlamento Galego no transcurso dun debate sobre a memoria histórica que “non temos constancia de que houbese mortes en San Simón”. Unha palabras que provocaron numerosas reaccións e incluso que o Deputado fora declarado “persoa non grata” polo pleno de Redondela.