Hoxe é Venres 25 de Xullo de 2025

O festival solidario diarama medra e incorpora unha sesión vermut ao seu programa musical

WhatsApp Image 2025-07-09 at 17.41.21

Por orde de aparición na foto: Lui, Teresa, Maica e Lolechu

A praia de Cesantes, en Redondela, acollerá este sábado, 12 de xullo, a segunda edición do Festival Solidario Diarama, organizado pola ONG local Da Man. O evento, cuxo nome significa “grazas” no idioma peul de Senegal, promete unha xornada vibrante de música, diversión e compromiso social no emblemático Brisa Chiringo, un espazo privilexiado á beira do mar que fusiona natureza e solidariedade.

A gran novidade desta edición é a incorporación dun vermut solidario coa actuación de Noite, de 13:00 a 15:00 horas, con entrada libre. Os asistentes poderán degustar unha selección de petiscos, como “perritos quentes”, empanadillas doadas por A Garina, empanada vexetariana e boliños de chourizo, entre outros petiscos. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, o festival abrirá as súas portas para unha serie de concertos con actuacións de Espabila, Retroblues, Glycerine, Wilson’s Band e Snatch Love. A entrada, que inclúe unha consumición, ten un prezo de 10 euros.

“Tamén estará a disposición da xente o posto de artesanía co que colaborar”, Teresa da organización.

Sobre a sesión vermut, as responsables do evento destacaron o papel da cantante Noite, de Redondela: “As súas versións, interpretadas con gran cariño, son perfectas para todos os públicos. Queremos agradecer a todos os grupos participantes pola súa disposición incondicional desde o primeiro momento”. Respecto á programación musical da tarde, explicaron: “Comezaremos con Espab!la, unha banda de mozos de Soutomaior, Redondela e Pontevedra que ofrecen un pop nostálxico cheo de frescura. Seguiralles Retroblues, un clásico de Redondela coñecido polas súas vibrantes interpretacións de blues. Glycerine, desde Vigo, traerá a forza do rock, mentres que Wilson’s Band, un novo talento de Ponteareas que vén de gañar o premio Talento Xove Ponteareas 2025, tamén apostará polo rock. Pechará a noite Snatch Love, un grupo vigués que recrea con enerxía os éxitos dos anos 80. Todos os concertos serán unha oportunidade para gozar da música en directo nun entorno tan especial como Cesantes, e invitamos a todo o mundo a unirse a esta experiencia única que se prolongará ata altas horas”.

“Invitamos a todo o mundo a unirse a esta experiencia única que se prolongará ata altas horas”, Lolechu da Organización.

A organización expresou o seu gratitude aos colaboradores do evento, con especial mención ao Brisa Chiringo e aos provedores de comida e bebida. Lui, representante do Brisa Chiringo, afirmou: “Para nós, acoller eventos como Diarama, con bandas en directo e un fin solidario, é unha aposta clara que reforza a nosa identidade como espazo cultural. Estamos encantados de formar parte desta iniciativa”.

Lolechu de Da Man e Lui do Brisa Chiringo.

Dado que o aforo é limitado, a organización recomenda adquirir as entradas con antelación en puntos de venda locais como o Kiosko Coco, Copy ou Café da Vila, ou reservalas para recollelas o propio día do evento. Este festival combina diversión, música e compromiso social nun ambiente único, impulsado pola calor e o espírito solidario da comunidade de Da Man, que invita a todos a sumarse a esta causa.

Proxectos no Senegal

Durante a súa última viaxe a Senegal, en abril de 2025, a ONG Da Man seguiu traballando no seus proxectos de cooperación, centrados en mellorar a calidade de vida da comunidade local. A través do traballo dos seus voluntarios profesionais, a organización impulsou iniciativas sanitarias, como atención primaria, odontoloxía e o proxecto “Ollos” de oftalmoloxía, que leva atención visual a quen máis o necesita. Ademais, continuaron fortalecendo o sistema educativo mediante a mellora dunha escola construída grazas a anos de dedicación.

“Todo o recadado irá directo aos proxectos” que Teresa e Maica de Da Man explican “precisan de moitos cartos”.

Un dos fitos destacados foi o avance do “Proxecto Hortas”, unha iniciativa que promove a agricultura sostible como fonte de sustento e empoderamento para as familias senegalesas, demostrando o impacto transformador do compromiso a longo prazo de Da Man.

“O proxecto horta facilita a oportunidade de autoxestión e economía circular”, Maica de Da Man.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: