A actuación, completamente de balde, será este sábado 12 de xullo a partir das 21:30 horas no Peirao de Arcade. A xornada festiva complétase cunha sesión Dj a cargo da Duendeneta.
Os ‘Concertos de Verán’, como deu en chamar o Goberno de Soutomaior a esta xornada, comezarán ás 21:30 horas cunha sesión DJ de ‘A Duendeneta’. Ás 22:00 horas dará inicio o concerto de ‘The Rapants’. O grupo orixinario de Muros vén de encher esta mesma semana a explanada da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. Unha actuación á que asistiron milleiros de persoas e que pon de manifesto que ‘The Rapants’ é un dos principais grupos de música en galego da actualidade.
Ás 00:00 horas será a quenda do grupo vigués ‘Rebeliom do Inframundo’, con máis de 10 anos de experiencia e un habitual do panorama festivaleiro na Galiza. Aos dous concertos, que serán abertos ao público totalmente de balde, sumarase unha zona gastro para que as persoas asistentes poidan comer e beber sen ter que desprazarse do lugar das actuacións; así como unha serie de actividades complementarias que terán lugar durante o transcurso dos concertos.
