As obras comprometidas pola Deputación de Pontevedra para o arranxo da estrada EP2702 que comunica Amoedo-Os Valos continúan sen arrancar. No mes de decembro os integrantes da Plataforma que loita pola mellora desta vía decidiron paralizar as protestas e dar un voto de confianza ao organismo provincial. Con todo nin as obras no tramo comprometido de 1,5 km arrancaron, nin hai prazos para o seu inicio nin se ten negociado o arranxo integral da vía, que conta con 8 kilómetros. Ante a falta de avances nunha obra que insisten “é imprescindible para garantir a seguridade de peóns e condutores” a veciñanza ten previsto retomar as mobilizacións.
A plataforma pola mellora da EP2702 amosa o seu malestar porque non se dean iniciado as obras de mellora nesta estrada cando xa pasaron 8 meses dende a sinatura do convenio entre o Concello de Pazos e a Deputación, que segundo o organismo provincial era o único atranco para comezar o arranxo da vía. A estas alturas ese arranxo do primeiro tramo da estrada que serviría para ampliar a vía, dotándoa de carrís máis amplos e beiravías, así como melloras puntuais do trazado, renovación da capa de rodaxe, execución da rede de augas pluviais e de abastecemento e nova sinalización vertical e horizontal non comezaron e, segundo nos explicaba un dos membros da plataforma “non hai data para o seu inicio”.
Instan tamén a repoñer as sinais que prohibían o paso de vehículos de gran tonelaxe “mentres non se arranxe a vía, somos conscientes de que esta estrada é imprescindible para facilitar o transporte aos polígonos industriais, pero primeiro é necesarios que a vía se amplíe e se humanice”.
Reiteran a necesidade de que se comece a traballar na reforma integral da vía “son 8 kilómetros e boa parte do seu trazado discorre polo monte, polo que se trata dunha obra sinxela que precisa tan só de vontade política que non estamos atopando na Deputación”.
A paciencia da veciñanza está ao límite, e logo de varios meses sen convocar mobilizacións traballan xa en retomar as protestas para esixir o inicio das obras xa proxectadas e a realización do proxecto para o tramo pendente.