Ignacio Pérez Rey, enxeñeiro de minas de 37 anos natural de Redondela, foi distinguido co prestixioso Premio ao Novo Enxeñeiro do Ano da Sociedade Internacional de Mecánica e Enxeñaría de Rochas (ISRM), concedido en Noruega. Este recoñecemento, que destaca a súa excelencia na docencia e investigación no ámbito da mecánica de rochas, consolida unha traxectoria marcada pola innovación e a colaboración en proxectos de impacto para a minería e a enxeñaría civil. Ademais, o redondelán vén de obter unha praza como profesor axudante doutor na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, reforzando o seu compromiso co ensino e a investigación.
Unha carreira dedicada á investigación e á innovación
Pérez Rey, cunha clara vocación pola investigación, iniciou a súa carreira cunha tese doutoral finalizada en 2019, desenvolvida no marco dun proxecto nacional financiado polo Ministerio de Educación. Posteriormente, traballou durante tres anos no CEDEX en Madrid, onde se especializou en I+D en mecánica de rochas e enxeñaría xeotécnica. En 2022, incorporouse á Universidade de Vigo cun contrato posdoutoral financiado pola Xunta de Galicia, un paso que culminou coa recente obtención da praza de profesor axudante doutor. Paralelamente, participa en proxectos de transferencia tecnolóxica con empresas, como a explotación de magnesitas en Rubián (Lugo), a mina de óxido de ferro de Santa Rosa en Zaragoza, ou colaboracións con Repsol e a empresa sueca SKB, especializada na xestión de residuos nucleares. Como docente, Pérez Rey subliña a importancia de combinar investigación e ensino: «A docencia é unha parte esencial do noso traballo como Persoal Docente e Investigador (PDI). No noso grupo de innovación docente, coordinámonos para mellorar as ferramentas de ensino e ofrecer unha formación de calidade, aprendendo uns dos outros e achegándonos ás necesidades do alumnado».
Un premio ao esforzo colectivo
O enxeñeiro destaca o carácter colaborativo do galardón: «Este premio non é só meu, senón o reflexo do traballo dun equipo. A enxeñaría de rochas é unha disciplina que require resolver problemas complexos, e iso só é posible a través da colaboración e da multidisciplinariedade». Pérez Rey tamén valora o prestixio da formación en enxeñaría de minas en Galicia e España: «A ISRM é unha sociedade científica global con presenza en numerosos países. Este recoñecemento sitúa a Galicia e a España nun lugar destacado no ámbito da mecánica de rochas. A nosa comunidade, con preto de 300 membros na ISRM, é pequena pero moi relevante, cunha contribución científica de gran valor».
Entre os seus traballos, Pérez Rey sente especial orgullo polo estudo da Pena do Equilibrio, un bolo granítico en Ponteareas cuxa estabilidade foi avaliada mediante unha metodoloxía innovadora que combina fotogrametría e drons. Este proxecto, publicado na prestixiosa revista Rock Mechanics and Rock Engineering e galardoado co Premio Giovanni Barla, desenvolveuse en colaboración co CEDEX e a Universidade de Tecnoloxía e Economía de Budapest. «Este traballo non só recoñece un elemento icónico da nosa paisaxe, senón que tamén promove a conservación do patrimonio xeolóxico. Ademais, establecemos unha metodoloxía aplicable a outros contextos, o que me fai sentir especialmente orgulloso», explica.
Compromiso coa docencia e a sostibilidade
Na actualidade, Pérez Rey combina a investigación coa docencia no grupo GESMIN (Xestión, Seguridade e Sostibilidade de Recursos Minerais) da Universidade de Vigo, onde imparte clases nos graos de Enxeñaría de Minas e de Recursos Enerxéticos. «A Escola de Minas de Vigo destaca polo seu enfoque personalizado e por contar cun equipo docente novo, con forte vinculación á minería, as enerxías renovables e a sostibilidade. Como docente, o meu obxectivo é mellorar continuamente e conectar coas necesidades dos estudantes. Ensinar é unha experiencia moi enriquecedora», afirma.
Ademais, o enxeñeiro colabora con institucións internacionais, como as universidades de Tokio e Queen’s (Canadá), en proxectos para mellorar a caracterización da lousa galega, un material clave na construción. Tamén participa na redacción de normativas para estandarizar procesos e promover a sostibilidade na explotación de recursos. «Coñecer a fondo os recursos permite explotalos de maneira máis eficiente e respectuosa co medio ambiente», asegura.
A Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas, que outorga este premio, reúne expertos de todo o mundo para fomentar a investigación e o intercambio de coñecemento nun campo altamente especializado. España, e en particular Galicia, consolida a súa presenza neste foro grazas a figuras como Ignacio Pérez Rey, cuxo traballo pon en valor o talento e a innovación galega a nivel global.