O corte no subministro eléctrico afectou a diferentes zonas de Cedeira, Negros e O Muro que estiveron sen luz durante aproximadamente sete horas, así como a parroquia de Nespereira en Pazos de Borbén. O lume produciuse nun transformador que se atopa no límite entre os barrios Aldea e A Portela, nas inmediacións da farmacia de Cedeira.
Os veciños próximos ao lugar escoitaban ao redor das doce do mediodía do sábado dúas explosións. A continuación numerosas vivendas quedaban sen subministro eléctrico nun apagón que se prolongou durante horas, xa que non sería ata as sete da tarde cando os operarios da empresa Naturgy lograban resolver a avaría producida polo lume.
Foron os propios veciños da zona os que alertaron ao 112 Galicia e a Policía Local do incendio que se producía nun poste que se atopa no camiño de Negueiride en Cedeira. Ata o lugar desprazáronse axentes da policía local así como bombeiros de Mos que deron por extinguido o lume ante da 13:00 horas.
Con todo, a avaría prolongaríase ata media tarde e non sería ata as sete cando os fogares recuperaron o subministro nunha xornada que a moitos lles fixo lembrar o apagamento do pasado mes de abril xa que se atoparon sen luz e, en moitos casos, sen posibilidade de facer a comida naqueles fogares nos que a cociña é eléctrica.

Dende o Concello apuntan que a falta de enerxía eléctrica afectou tamén ao depósito de auga que subministra á parroquia de Negros, malia que non foi preciso adoptar medidas excepcionais por parte de Aqualia unha vez que o servizo quedou restablecido a media tarde.

