O Concello de Soutomaior abre o período de licitación para levar a cabo as obras de reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral. Unha actuación que busca transformar por completo o núcleo do barrio coa mellora visual e a mobilidade en toda a contorna e cuxa licitación ascende a 160.000 euros.
O proxecto, redactado por Infourban, contempla o asfaltado e adecuación dun tramo de estrada de case 800 metros, que van desde a zona da Chan, no Sobral, ata a Chan de Moreira, no acceso ao barrio de Lourido. O proxecto inclúe o acondicionamento de tres núcleos ao longo do tramo da actuación. Trátase de tres zonas que actualmente funcionan como punto de encontro para a veciñanza do barrio e nas que o goberno local actuará para a súa conversión en pequenas prazas con tráfico máis calmado e mobiliario urbano.
A licitación desta actuación ten un valor de case 160.000 euros e as empresas que estean interesadas en levar a cabo as obras poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 22 de xullo. O obxectivo do Goberno de Soutomaior é que antes do remate deste ano as obras estean listas e a veciñanza desfrute da nova vida do Val-Sobral.
Neste sentido, o alcalde Manu Lourenzo sinalou que “un dos obxectivos estratéxicos é levar a cabo a transformación rural e urbana do noso concello para mellorar a vida da nosa veciñanza” e salientou que nestes dous anos investiuse máis en obras e proxectos na parroquia de Soutomaior que nos últimos lustros. Puxo como exemplo as actuacións na praza da Pedreira e no campo municipal Graciano Padín, os asfaltados nos distintos barrios, o saneamento nos barrios de Lourido e Cortellas, entre outros e proxectos coma este do Val-Sobral ou o da Casa do Concello”.