Redondela ofrece catorce roteiros ambientais e culturais no mes de xullo entre os que se inclúen, como novidade, a ruta “Redondela oculta: entre a lenda e a superstición” sobre antigas tradicións. Os roteiros arrancaron esta fin de semana cun paseo nocturno por Cesantes e continuarán ao longo do mes con saídas en kaiak, rutas polos ríos Fondón e Pexegueiro ou a observación nocturna de estrelas, entre outras propostas. A cita máis inmediata será este martes 8 cunha nova visita guiada ao Cemiterio dos Eidos.
As concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente apostan unha vez máis polas actividades de ecoturismo, educación ambiental e culturais.
Como novidade este verán estréase a ruta “Redondela oculta: entre a lenda e a superstición” a cargo da guía turística Soledad Chayán. No percorrido dáse conta das supersiticións e tradicións arredor dos oficios, sobre todo dos mariñeiros, onde se destacan personaxes como a bruxa Benita, o mago Marcolfo ou Xan Carallás, mítico fundador da vila de Redondela. En xullo haberá dúas citas con esta ruta, os días 15 e 29.
Para esta semana hai catro propostas: o martes veciños e visitantes terán unha nova oportunidade para coñecer polo miúdo o cemiterio dos Eidos cunha visita guiada de balde que terá lugar ás 21:00 horas de mañá. O xoves organízase unha sesión de “Orientaventura” en bicicleta en Chan das Pipas, e na fin de semana dúas rutas ambientais: o sábado día 12 un roteiro guiado a Monte Penide e o domingo día 12 a saída será á zona intermareal de Cesantes, desde o peirao ata a Punta.
Na segunda quincena do mes haberá outras interesantes propostas como unha ruta nocturna polo río Maceiras, un roteiro ambiental polo río Pexegueiro ou unha actividade de observación de estrelas na Miñoteira, en Ventosela.
O gobenro local anima á veciñanza a achegarse a estas actividade que apostan polo turismo ambiental, sostible e cultural con saídas para coñecer o patrimonio natural e histórico de Redondela e concienciar da importancia de respectar estes espazos para axudar a conservalos.
Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.
