Mozos e mozas de entre os 12 e os 17 anos participan esta semana no Campamento de inmersión lingüística en inglés que organiza o concello de Soutomaior na estación de montaña de Manzaneda. Unha actividade enmarcada dentro do programa Verán Activo que se desenvolve nestes meses estivais co obxecto de achegar á mocidades actividades diversas.
A temática de inmersión en inglés permite aos participantes, nun contexto de lecer e tempo libre, mellorar as súas competencias lingüísticas nese idioma dun xeito lúdico e nunha contorna inigualable con contidos adaptados as súas idades da man de monitores especializados en inglés, que acompañan ao grupo durante todo o campamento.
Un campamento onde se crean espazos que favorecen e facilitan a interacción entre as mozas e mozos do municipio co obxectivo de que a mocidade participante se divirta mentres aprende un idioma estranxeiro. O equipo de monitores está a converter o inglés no idioma vehicular en todos os momentos do dia, procurando que o campamento se realice 100% en inglés.
Un campamento, que arrancou o martes e que rematará hoxe, recibía este xoves a visita do alcalde, Manu Lourenzo.