A banda viguesa de rock Treintañeras Cañeras actúa hoxe, xoves 3 de xullo, dentro da súa xira verán no Brisa Chiringo de Redondela ás 21:30 horas. A entrada, a 10 euros, inclúe consumición, unha proposta irresistible para gozar do seu potente directo. Tras conquistar salas en Galicia, Madrid e Oviedo, o grupo regresa cunha mochila cargada de novidades, incluíndo dous singles que anticipan o seu próximo LP, previsto para finais de verán.
Despois do éxito de Babyexpress, Treintañeras Cañeras lanzaron dous temas novos este ano: “Sabías que” e “Rave 51”. Ambos, producidos por Paco Serén e a propia banda en Eclipsis Studios, foron gravados, mesturados e masterizados por Pancho Suárez en Planta Sónica 2. Estes singles son un aperitivo do seu segundo álbum de estudio, un proxecto no que levan traballando ano e medio. “É un proceso longo, pero estamos na recta final”, explica Manel, vocalista e guitarrista. “Tivemos un cambio na formación, coa marcha do noso batería Champy e a chegada de Nolo Chazo (Mekanika). Isto obrigounos a axustarnos, pero xa temos a máquina a punto”.
Un concerto cheo de sorpresas en Redondela
O Brisa Chiringo, un escenario que parece feito á medida do seu espírito, acollerá un espectáculo que promete sorpresas. “Temos preparado un show ben bonito, con algúns temas novos e, quizais, algún adianto inédito”, adianta Manel. A banda, que xa actuou tres veces no Festival Millo Verde de Redondela, sente unha conexión especial con este lugar: “Tocar aquí é sempre un pracer. Agardamos volver o próximo ano co disco novo baixo o brazo”.“
O videoclip de “Sabías que” é unha viaxe visual que mestura referencias a Men in Black, a carreira espacial soviética e un toque de conspiranoia. “Queriamos xogar coa xente conspiranoica, que está tan de moda, e recuperar esa estética dos 90 que nos marcou”, conta. A mensaxe, fiel ao ADN de Treintañeras Cañeras, reivindica a liberdade de expresión: “A música é a mellor forma de falar de temas comprometidos e lanzar mensaxes a quen os merece”, subliña Manel.
“Rave 51”, pola súa banda, é un himno con retranca que apunta ás “elites mundiais” mentres xoga coa mítica Área 51. O videoclip, rodado en escenarios tan vigueses como a sala Kominsky, está cheo de guiños locais e frases memorables como “Como te despistes, en tu culo habrá una sonda”. “Foi casualidade que os dous singles tivesen unha temática alieníxena, pero o disco non vai todo por aí”, explica Manel. “Temos temas que falan de amor ou incluso algún na liña do noso ‘Lolita’, cun toque reggaeton e pachanguero para darlle vidilla”. A produción do vídeo, a cargo de Izan e o seu equipo, implicou un día enteiro de gravación con numerosos extras: “Fixeron un traballazo, e estamos moi agradecidos”.
A banda vén de actuar en cidades como Cambados, Ponteareas, Madrid e Oviedo, onde o público respondeu con entusiasmo. En Madrid, estiveron acompañados da banda local Los Mezkinos. “O importante é xerar circuitos e traballar xuntos”, di Manel. O pasado 23 de xuño, Treintañeras Cañeras tocaron no espazo cultural A Conserveira, en Celeiro (Viveiro), nunha data previa ao Resurrection Fest. Para este verán, prometen un formato acústico diferente e novas datas que se anunciarán nas súas redes sociais.
Aínda que o nome do novo álbum segue sendo un misterio, Treintañeras Cañeras aseguran que será unha proposta variada, fiel ao seu estilo ecléctico. Mentres, o Brisa Chiringo prepárase para vibrar esta noite co seu rock irreverente e a súa actitude cañera.
