A petición dos traballadores é que se contrate dúas persoas máis, unha para a quenda de noite e outra para a quenda da mañá. Insisten en que “o cadro de persoal actual non se axusta á realidade da carga de traballo apoiado nun prego de hai case 20 anos que está obsoleto”. Como datos que avalan a súa petición explican que o número de contedores aumentou un 21% e a recollida de enseres un 347%. Os grupos políticos con presenza na corporación –PP, PSOE, BNG e AER- amosaron o seu apoio a petición dos traballadores.
“Non houbo practicamente aumento de persoal en 20 anos” explica dende a CUT o representante dos traballadores, Manuel Iglesias quen asegura que actualmente “estamos en mínimos” o que supón un esforzo persoal de cada un dos traballadores para poder facer un traballo que se ten incrementando notablemente nos últimos tempos.
Neste sentido explica a situación da recollida de enseres que conta con tan só unha persoa recollendo este lixo a diario. Malia que o servizo aumento un 347% “mantéñense os mesmos medios mecánicos e humanos de dúas décadas atrás”. Isto supón que un único traballador teña que cargar con enseres de gran tamaño “o que se traduce nun prexuizo para a súa saúde”. As novas contratacións permitirían “acaba cor feito de que unha persoa vaia soa na carga traseira ou facer labores de repaso de lixo por fóra”.
Iglesias lembra que o número de contedores aumentou un 21% nestes anos e que “máis aló da estética está tamén a seguridade, saúde e a calidade do servizo”.
Os traballadores trasladáronlle estas peticións aos partidos políticos cos que se reuniron no Multiúsos da Xunqueira. Estas formacións comprometéronse a levar unha moción ao pleno municipal asinada por todos os partidos e agrupacións na que se inste ao goberno local a unha negociación coa empresa Urbaser para o citado aumento persoal “sendo esta unha petición absolutamente de mínimos”.
Remata Iglesias lembrando que o aumento do cadro de persoal é unha demanda sindical de hai máis dunha década, plantexada por activa e por pasiva tanto á parte política como á empresarial. A idea da moción no pleno municipal, máis alá de forzar a negociación e acadar o éxito da proposta, busca que se evidencie clara e públicamente as posturas de todos os partidos e agrupacións así como a da propia empresa á hora de posicionarse diante da nosa xusta reclamación.
Dende a CUT valoran positivamente a resposta política e esperarán a que se dean estes pasos antes de poñer en marcha outras medidas de presión no caso de que a empresa negue este incremento de persoal.