O Concello de Pazos de Borbén presenta unha programación cultural estival con espectáculos para todos os públicos que inclúen teatro, música, contacontos e actividades infantís. A primeira das citas terá lugar este venres 4 de xullo ás 21:30 horas na Casa Cultural de Nespereira, coa actuación do recoñecido actor e dramaturgo Cándido Pazó, que presentará o seu espectáculo “Contar para vivilo”.
Unha oportunidade para gozar en directo da mestría narrativa dun dos grandes nomes da escena galega, nun espectáculo que mestura emoción, humor e tradición oral. Desde o goberno municipal convidan á veciñanza e visitantes a participar nesta actividade que inaugura unha axenda de verán pensada para dinamizar os espazos públicos e fomentar a cultura accesible no rural.
A programación continuará o 13 de xullo coa actuación das Cantareiras Polo Correo do Vento, que ofrecerán un contacontos para público familiar na Área Recreativa do Torreiro de Nespereira (ás 19:00 horas).
En agosto, a cultura volverá a ser protagonista coa obra de teatro “Punto en Boca” o 10 de agosto ás 21:00 horas e un concerto de María do Ceo na Igrexa de Santa María de Pazos ás 21:00 horas o 16 de agosto.
O domingo 17 será a quenda para o púbico infantil co espectáculo Títeres Cachirulo e a festa da escuma na Praza do Concello.
Todas as actividades contan co apoio da Deputación de Pontevedra e están deseñadas para promover o acceso á cultura en familia e en contornas naturais e patrimoniais do municipio.
