A empresa Copsa será a encargada de levar a cabo o proxecto redactado por Urcoin baixo a dirección do enxeiro Enrique Urcola. A actuación ten como obxectivo humanizar o Camiño de Santiago ao seu paso pola rúa Coutada e rúa Fonte do Conde. O investimento será de 750.000 euros, dos cales a metade corresponden a fondos propios municipais e a outra metade a unha subvención do Fondo de Cooperación Local. Do total investido, case 150.000 euros irán destinados a renovar a rede de sumidoiros e a protexer a ría de verteduras. As obras teñen un prazo de execución de tres meses e medio.
Soutomaior iniciará nas vindeiras semanas as obras de humanización do Camiño de Santiago ao seu paso polo centro urbano de Arcade. Unha importante actuación do Goberno local coa que transformará e mellorará o modelo de mobilidade nesta zona tanto para os veciños e veciñas do noso concello como para os milleiros de peregrinos e peregrinas que cada semana chegan a localidade.
O prazo de execución destas obras é de tres meses e medio e os traballos terán como principal premisa ter a mínima incidencia posible tanto no tráfico rodado como no tráfico peonil (veciñanza e peregrinos e peregrinas) para evitar molestias e garantir a normalidade do día a día nesta zona.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “esta actuación é moi importante para o noso concello, xa que a obra de humanización que imos acometer no Camiño de Santiago resolverá varias das problemáticas de tráfico que actualmente afectan o centro de Arcade e abrirá o camiño a novas actuacións e a construción un modelo urbano en Arcade máis amable e accesible. Indubidablemente é unha actuación que mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas”. Sinalou tamén que “antes de que remate o 2025 a veciñanza de Arcade desfrutará das novas e humanizadas rúa da Coutada e rúa Fonte do Conde”.