As concellarías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente organizan este sábado e domingo dúas actividades de balde que achegarán aos participantes á praia de Cesantes e ao río Fondón. A inscrición debe facerse na oficina de turismo, a través do teléfono 986 401713 ou no enderezo turismo@redondela.gal. Tamén o domingo hai unha nova oportunidade de coñecer os segredos da Portela en Kayak. Neste caso a actividade ten un prezo de 20 euros.
Coñecer máis en profundidade a praia da Punta e a riqueza medioambiental existente no litoral de Cesantes é un dos obxectivos da actividade que terá lugar o sábado 5 de xullo. Un paseo nocturno que arrancará ás 21:00 horas e que se prolongará ata pasadas as once da noite.
O domingo os amantes da natureza poderán achegarse a unha segunda proposta: un percorrido polo río Fondón, que terá una duración de tres horas, dende as 10:00 da mañá ata as 13:00 horas. As persoas que previamente se inscriban nesta actividade partirán dende o Colexio Igrexa.
Finalmente, tamén o domingo 6 o Concello propón unha actividade de iniciación ao Kayak cun percorrido polos “segredos da Portela” que permitirá aos participantes coñecer os fondos mariños, as pradeiras de zoostera, a IME a Regasenda. A saída terá lugar en horario de 10:30 a 13:30. Mentres que as dúas rutas a pé son de balde, esta actividade ten un prezo bonificado de 20 euros por persoa.