Hoxe é Martes 29 de Xullo de 2025

Pazos de Borbén aposta polo turismo sostible co Camiño Ignacio Taverneiro

480912757_944067647905991_778093580775293985_n

O Camiño Ignacio Taverneiro é un roteiro de peregrinación que percorre 130 quilómetros que comeza en Salvaterra de Miño e atravesa os municipios de Ponteareas, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, e A Estrada antes de unirse ao Camiño da Geira e finalmente chegar a Santiago de Compostela.

O Concello de Pazos de Borbén, xunto con outros municipios como Salvaterra de Miño, Ponteareas, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Teo, está a traballar na recuperación e promoción deste roteiro. O itinerario busca recuperar a memoria histórica dunha ruta que, sen aspirar á popularidade do Camiño Francés ou Portugués, ten un profundo valor patrimonial e cultural. O alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, destacou o entusiasmo que rodea este proxecto: “Estamos a facer un esforzo para poñer en valor o patrimonio natural e cultural do noso concello. Este camiño é unha oportunidade única para dar a coñecer Pazos de Borbén, un municipio próximo a grandes núcleos de poboación pero pouco coñecido. A xente que nos visita queda sorprendida polo que atopa, e este roteiro pode ser un motor para o desenvolvemento económico local”. Otero subliñou que iniciativas coma esta, que combinan historia, natureza e actividade saudable, están a gañar adeptos: “É unha forma marabillosa de descubrir o noso patrimonio dun xeito relaxado”.

Un camiño con raíces históricas

O Camiño de Ignacio Taverneiro debe o seu nome a un veciño de Santa Baia de Ponte Caldelas que faleceu en 1784 durante a viaxe de regreso tras gañar o xubileu en Santiago. A investigación sobre esta ruta, baseada en anotacións parroquiais como as de San Paio de Figueroa (A Estrada), revelou a súa relevancia histórica. A presenza de tres santuarios dedicados ao Apóstolo Santiago —en Borbén (Pazos de Borbén), Loureiro (Cerdedo-Cotobade) e Tabeirós (A Estrada)— nun tramo de só 62 quilómetros reforza a súa vinculación xacobea.

O Concello de Pazos de Borbén puxo en marcha a recuperación de tramos históricos, como o carreiro que une Pazos coa Ermida, que estaba practicamente intransitable. “Limpamos e rehabilitamos este camiño, que ten un encanto especial pola súa historia e polo viacrucis que o acompaña”, explicou Otero. Este tramo, usado tradicionalmente para trasladar defuntos da Ermida a Pazos e para procesións relixiosas, é un exemplo do rico patrimonio cultural que o roteiro pon en valor.

Un proxecto consolidado en continua mellora

O Camiño de Ignacio Taverneiro non está recoñecido oficialmente como Camiño de Santiago, pero estase a tramitar a súa declaración como Vía Cultural, un paso previo á posible oficialización. “Este roteiro ten un gran potencial. Non é masificado, é tranquilo e discorre por zonas rurais e naturais, o que o fai único. A oficialización abriría a porta a subvencións para mellorar o seu mantemento e promoción”, indicou Otero. Mentres, os peregrinos poden selar as súas credenciais en establecementos, asociacións ou parroquias ao longo do camiño.

O Concello tamén está a planificar novas actuacións, como a conversión da antiga casa dos mestres nun albergue público. “É unha demanda importante para fomentar o turismo e atender os peregrinos”, afirmou o alcalde. Ademais, estanse a organizar andainas para dar a coñecer o camiño entre a veciñanza e visitantes. Só nas primeiras semanas de 2025, máis de 300 camiñantes, procedentes de Salvaterra, Vigo e Santiago, percorreron este roteiro, impulsado polo boca a boca e pola información dispoñible na páxina web oficial do Camiño de Ignacio Taverneiro.

Peregrinos sevillanos no Concello de Pazos este mes de xuño

O Camiño de Ignacio Taverneiro, co seu encanto rural e a súa fonda conexión coa tradición xacobea, está chamado a ser un novo referente para aqueles que buscan unha experiencia auténtica e tranquila no camiño a Santiago.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: