Fotos de Patry Rivas
O histórico club de Redondela confía nun home da casa para liderar o equipo sénior feminino na División de Honra Prata
A SAR Rodavigo, equipo sénior feminino da SAR Balonmán, xa ten novo adestrador para a tempada 2025: Manuel Fernández, coñecido como “Manolón”. Cunha ampla traxectoria no club e unha paixón innegable polo balonmán, Manolón asume a dirección técnica tras o destacado traballo de Verónica Pousada, co obxectivo de consolidar o equipo na competitiva División de Honra Prata e aspirar a mellorar os resultados da tempada anterior.
A SAR Rodavigo pechou a tempada 2024/2025 cunha axustada vitoria a domicilio ante o BM Fuentes Carrionas (33-34), asegurando a sétima posición na clasificación e a permanencia na categoría. Agora, coa chegada de Manolón, o club busca dar un paso adiante. “O sénior feminino é o maior referente do club en categoría nacional. Temos un equipo moi bo, con xogadoras novas e con potencial para aspirar a máis. O traballo de base feminina do club é excelente, e elas son o futuro”, destaca o novo adestrador.
Unha vida ligada á SAR
Manolón é un home da casa. “Empecei dende neno na SAR, adestrando en categorías de base, dende alevíns ata o primeiro equipo masculino, onde xoguei un ano. Despois dun tempo afastado, retomei hai 15 anos como adestrador, traballando primeiro con equipos de base e despois co sénior masculino de Primeira Autonómica, e tamén en Caselas co seu sénior feminino de Primeira Autonómica”, explica. Esta experiencia, xunto co seu coñecemento do club, convérteo nunha aposta sólida para liderar o proxecto.
Sobre o seu estilo, Manolón aposta por manter a esencia do traballo de Verónica Posada e Chini, cun xogo rápido e transicións dinámicas, pero co seu toque persoal: “Vou aproveitar o que fixo Vero, pero quero engadir o meu gran de area. Creo que as xogadoras non son conscientes do seu potencial. O obxectivo da permanencia é demasiado asumible, e temos que ser máis ambiciosos“. No ataque posicional, promete introducir novas dinámicas para “non facer sempre o mesmo” e sorprender aos rivais.
Cambios na plantilla
A tempada 2025 traerá novidades no equipo. Entre as baixas, destacan a porteira Lucía Vázquez e Fani Vilas, xogadoras veteranas que deixan o equipo. Pola contra, incorpóranse dúas xuvenís que xa adestraban co primeiro equipo e consolídanse na plantilla, xunto a Carmen Magallanes, unha nova xogadora procedente do Balonmán A Guarda que chega a Pontevedra para estudar e que, segundo Manolón, “vai achegar moitas cousas”. A renovación das xogadoras que continúan está en marcha, mentres o club segue buscando un segundo adestrador para acompañar a Manolón.
Obxectivo: seguir crecendo
Tras un merecido descanso estival, a SAR Rodavigo regresará coa ambición de superar os logros da tempada anterior. Coa base sólida deixada por Verónica Pousada e o impulso de Manolón, o equipo redondelán aspira a consolidarse como un referente na División de Honra Prata e a sorprender na competición. “Temos un grupo novo e con moita marxe de mellora. Imos traballar para dar un pasiño adiante”, conclúe o adestrador. A afección xa agarda con ilusión o inicio da nova tempada, coa confianza de que a SAR Rodavigo seguirá deixando pegada no balonmán galego e nacional.
