Santiago de Compostela acolleu o pasado sábado o Campionato Galego Absoluto de Atletismo ao Aire Libre nas pistas da Universidade, onde o deportista do Club de Atletismo de Redondela (CAR) Gael Couñago Romasanta, da categoría sub18, revalidou o título de subcampión galego absoluto de salto de altura cun rexistro de 1,93 metros. Couñago, baixo a dirección do seu adestrador Javier Besada, demostrou unha vez máis o seu talento e consolidouse como unha das grandes promesas do atletismo galego.
Na mesma xornada, o atleta sub23 Guilherme Vicente Vaz tamén deixou a súa pegada. Pola mañá, competiu na proba de 100 metros, e pola tarde destacou no salto de lonxitude, onde practicamente igualou a súa mellor marca persoal, logrando un meritorio posto na clasificación final.
O vindeiro fin de semana, Gael Couñago porá rumbo a Castelló para participar no Campionato de España sub18, onde buscará seguir sumando éxitos á súa xa destacada traxectoria. Dende o club, celebran estas actuacións e animan aos seus atletas de cara aos próximos retos.
