A mellora deste paso fora amplamente demandada polos seus usuarios que reclamaban a realización desta obras que permitirá contar cunha ponte coa anchura suficiente para o paso de dous vehículos así como con beirarrúas máis anchas dende o alto da Encarnación ata a finalización da ponte no camiño das Laxes. Tamén se instalarán varandas para garantir a seguridade. As obras, enmarcadas dentro da reposición de viais afectados pola ampliación da Ap-9, arrancaron o pasado mes de abril.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, comprobou xunto coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, os avances na reforma da ponte de Trasmañó, que afronta a súa recta final para mellorar a seguridade viaria de peóns e condutores. Na visita estiveron acompañados por un grupo de veciños da zona e tamén da empresa construtora.
Os traballos enmárcanse dentro das obras de adecuación que se están a realizar en Chapela e Trasmañó, nas marxes da AP-9, adxudicadas á empresa Civis Global por un importe de 2,65 millóns. A actuación está na recta final e finalizará nas próximas semanas e permitirá que a ponte gañe a anchura necesaria para que poidan cruzarse dous vehículos sen ter que agardar. Ademais, as antigas beirarrúas estreitas, que incumprían normativa, están a seren substituídas por unha senda peonil de metro e medio de anchura que arranca na rampla dende o alto da Encarnación e continúa ata a finalización da ponte no camiño das Laxes. Finalmente, instalaranse varandas que tamén suporán unha mellora sobre as antigas biondas.
Digna Rivas explicou que esta obra era “unha prioridade”, pois responde a unha demanda de hai moitos anos da Asociación de Veciños de Trasmañó e da Asociación de Afectados pola AP-9. “Estase a cumprir, por parte do Goberno de España, co que se lle debía á parroquia de San Vicente de Trasmañó e tamén a Chapela polas obras da autoestrada”. A alcaldesa destacou que deste xeito garántese o dereito da veciñanza a transitar dun xeito seguro.