O IES de Chapela será o primeiro centro público do sur de Galicia en impartir esta formación que permite traballar con persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva. As persoas interesadas en adquirir esta formación teñen ata o 2 de xullo para presentar as súas solicitudes a través da aplicación Ciclos Admisión (www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/)
O IES Chapela impartirá o próximo curso 25-26 o Ciclo Superior de Mediación Comunicativa sempre e cando acade un mínimo de dez persoas inscritas. Convértese así no único centro público do sur de Galicia en impartir este ciclo incluído na rama de Servizos á Comunidade. Ata o de agora o alumnado que quería cursar esta especialidade nun centro público tiña que desprazarse á Coruña.
Ao longo do ciclo, os participantes aprenderán por exemplo a lingua de signos así como outros recursos e ferramentas para establecer procesos de comunicación fluída, accesible e clara entre persoas con diversidade funcional.
Unha formación que espertará un especial interese entre o alumnado que xa cursara algunha rama de Servizos á comunidade que poderá así especializarse de cara a facilitar a integración das persoas que padecen algunha discapacidades que dificulta a súa comunicación.
Antonio Bas explicaba cales son algunhas das saídas laborais para as persoas que realicen esta formación “cada vez máis demandada porque estamos avanzando cara unha sociedade máis inclusiva e máis accesible que busca mecanismos para integrar a comunidade xorda, xordocega e persoas con dificultades de audición e de comunicación”.
O instituto de Chapela será o único centro público do sur da comunidade en impartir esta modalidade, e o segundo de toda Galicia.
Os servizos que prestan os técnicos e técnicas superiores en Mediación Comunicativa inclúen os ámbitos asistenciais, educativos, sociolaborais, psicosociais e de apoio nas xestións básicas. Tamén exercen a súa actividade no sector dos servizos á comunidade, nos ámbitos da dinamización comunitaria e na promoción de igualdade de oportunidades con estes colectivos de persoas.
O prazo de presentación de solicitudes de admisión arrancou o luns 16 de xuño ás 9:00 horas e remata o 2 de xullo ás 13:00 horas a través da aplicación Ciclos Admisión (www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/)