O Concello de Soutomaior celebra a II edición da festa de identidades diversas e disidentes co gallo da conmemoración do día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ este 28 de xuño. Así, a programación desenvolverase na Carballeira do Peirao de Arcade cun abano de actividadades entre as que destacan unha andaina, obradoiros e concertos a cargo dos grupos Meiga -I e de TheTetas´Van.
As celebración do Orgullo en Soutomaior arrancaron este xoves cunha chalar a cargo de Cristina Palacios, xerente e traballadora social de ARELAS (asociación de familias de infancia e mocidade trans de Galicia) que falou de diversidade afectivo sexual no Multiúsosde Arcade.
Con todo, os actos principais desenvolveranse este sábado 28 baixo o paraugas do programa Soutomaior Inclusivo, de tal xeito haberá cascos anti-ruído e a festa estará adaptada para que todas as persoas que queiran, sen importar a súa condición, poidan desfrutar de todas as actividades.
Actividade que arrancarán cunha andaina reivindicativa polos dereitos LGTBIQ+ que terá como punto de partida a Carballeira do Peirao de Arcade, seguirá pola Illa de Medal, as Salinas do Ulló e remate no punto de inicio.
Ás 11:00h darán comezo os obradoiros EmocionARTE, proxecto de expresión emocional a través da arte e Bordando bandeiras, celebrando identidades para celebrar a diversidade e a identidade a través do bordado, transformando símbolos e palabras como xeito de manifestación artística e reivindicativa.
A lectura do pregón terá lugar ás 13:15 a cargo de “Juan de Arcade” e a continuación, ás 13:30h. comezará a sesión vermú a cargo do grupo Toma de Terra, un conxunto de artistas disidentes que pretende achegarse á música tradicional dun xeito alternativo baseándose na improvisación, poñendo voz a aquelas loitas que non se escoitan e primando sempre a música para o baile.
Trala sesión vermú chegará o Mari Pícnic no que pode participar quen o desexe levando o seu xantar.
Xa pola tarde ás 17:00h comezará o obradoiro Luce o teu orgullo onde se convida aos participantes a levar unha prenda de roupa ou bolsa de tea para personalizala con elementos representativos da comunidade LGTBI+.
Ás 18:00h. chegará a Diversidade Conta! Contos transformadores para a valoración da diversidade e o bo trato pensado para as crianzas.
Ás 20:15h. terá lugar o obradoiro De orghulo de danza para bailar en liberdade, para este obradoiro non se precisa inscrición previa, soamente gañas de pasalo ben.
Xa pola noite chegarán os pratos fortes desta Orghullosa co directo de Meiga-I ás 21:30 h. e o de TheTetas´Van que dará comezo ás 22:30 h. Ambos concertos terán, como o resto das actividades, entrada libre e serán tamén na Carballeira do Peirao.


