A solicitude do PP para reprobar a Digna Rivas pola contratación dunha asesora do BNG a cambio da alcaldía saíu adiante ao contar cos votos a favor dos populares e a abstención dos edís nacionalistas. Os populares pediron a dimisión da alcaldesa por ter aprobado a contratación desta persoa como persoal de confianza e instan a rexedora a que devolva a suma dos cartos que o Concello destinou ao seu salario e as costas xudiciais e que cuantifican en 29.995 euros.
O grupo municipal do PP de Redondela conseguiu onte á noite que a maioría do pleno da corporación aprobase a reprobación da rexedora, Digna Rivas, tras saír adiante a moción na que solicitaban esta reprobación “pola contratación ilegal –segundo sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia- que fixo dunha asesora do BNG a cambio da Alcaldía e do goberno local”. A moción foi aprobada cos 10 votos do PP, a abstención dos 3 edís do BNG e o rexeitamento dos 8 do PSOE e AER.
Os Populares van máis aló e reclaman a dimisión inmediata de Rivas “unha alcaldesa cun nefasto balance de xestión coñecido e recoñecido pola inmensa maioría dos redondeláns, cun goberno moi feble e en absoluta minoría, que conseguiu a Alcaldía a cambio dunha contratación ilegal para o Bloque e que ademais, en menos de dous meses, perdeu a confianza da maioría da corporación na cuestión así elevada para os orzamentos 2025 e que agora foi reprobada por esta cacicada, considerámola deslexitimada”, sinalan os populares.
O PP salientou tamén o feito de que a reprobación saira adiante grazas á abstención do BNG que, “nun exercicio de surrealismo reprochou á figura da alcaldesa por aceptar unha condición imposta por eles mesmos que era a contratación ilegal dunha persoa de confianza”.
Entende o voceiro do PP, Javier Bás que o BNG está a facer “un papelón e un ridículo espantoso” xa que foron eles os que reclamaron a contratación desta asesora a cambio de investir a Rivas, a quen agora reproban.
Insisten tamén dende o PP no prexuízo económico que a contratación ilegal desta asesora nacionalista supuxo para o Concello e que cifran en 29.995 euros de salarios máis as costas xudiciais e anuncian que seguirán loitando porque se devolvan ás arcas municipais eses cartos, algo que ao seu entender “debería facer a propia alcaldesa se tivera un mínimo de ética e decencia política”.