Foto de MAChRemo
O Paseo de Cardona en Chapela converterase, este sábado 28 de xuño, no epicentro do remo galego co arranque da Liga Galega de Traiñeiras (LGT). A competición, organizada polo Club de Remo Chapela co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra, promete unha tarde cargada de emoción, cun programa que dará comezo ás 16:00 horas.
O adestrador do equipo absoluto masculino, Juan Zunzunegui, amosouse expectante ante o inicio da liga na casa: “Estamos nerviosos, pero tamén moi ilusionados por competir diante da nosa afección e mostrar o traballo realizado durante a pretempada e todo o ano”. Zunzunegui recordou o éxito da pasada tempada, na que o equipo acadou o terceiro posto e a medalla de bronce na LGT, e fixou os obxectivos para este ano: “Queremos manter ese nivel ou, se é posible, loitar polo título”. Entre os rivais máis fortes, destacou a Tirán, Meira e Bueu, este último reforzado pola súa recente participación na liga ACT.
O técnico subliñou as fortalezas do equipo masculino, froito do “traballo constante desde a canteira e o alto nivel técnico que nos permite competir ao máis alto nivel”.
A xornada comezará ás 16:00 coa III Bandeira Chapela WOFCO da LGT B, seguida ás 16:30 pola X Bandeira Feminina Concello de Redondela, un evento que consolida o crecente protagonismo do remo feminino no deporte galego. Por último chegará ás 17:30 a XL Bandeira Concello de Redondela, onde as mellores tripulacións da LGT A exhibirán forza, técnica e espírito competitivo nunha regata que reúne centos de afeccionados.


