PSOE, AER e BNG votaron a favor de deixar a moción sobre a mesa
A falta de consenso para a aprobación de facturas pendentes por valor de 192.0000 euros, logo de adiantar PP e BNG a súa negativa a votar a favor da proposta do goberno, facía prever que este recoñecemento extraxudicial ia ser rexeitado polo pleno por terceira vez. Con todo, o BNG abriu a porta a unha posible negociación e amosou a súa disponibilidade a colaborar. Consciente de que non ía contar cos apoios suficientes para aprobar o punto, Rivas recollía ao final do debate a luva lanzada polos nacionalistas para tentar chegar a un consenso neste asunto.
O goberno anunciaba así a súa decisión de deixar o punto sobre a mesa tras as palabras do voceiro do BNG, Xoán Carlos González nas que abría a porta a un posible acordo, que queda posposto a unha nova sesión plenaria.
Con todo, a cuestión da aprobación extraxudicial de crédito xerou un intenso debate previo. Por unha banda o goberno defendeu a necesidade de aprobar o punto para garantir que as empresas e os autónomos que realizaron un traballo para o Concello poidan cobrar polo servizo realizado. Lembraban que esta figura “é empregada constantemente polos gobernos locais” e facían referencia aos 32 recoñecementos de crédito aprobados polo goberno de Javier Bas. Insistía a voceira do PSOE, Rita Pérez en que rexeitar esta aprobación de facturas “só serve para castigar as pequenas empresas e autónomos”.
Acusaba tamén aos populares de “tentar confundir a veciñanza falando de irregularidades e corrupción cando nada diso é certo”.
Unhas acusacións que minutos antes se escoitaban na voz da popular Ana Alonso quen insistía na “incapacidade do goberno para xestionar e planificar o gasto” e falaban dun “informe demoledor” por parte do interventor. Negaban ademais que eses 192.000 euros foran para pagar a provedores locais.
Os nacionalistas insistían na falta de capacidade de negociación por parte do partido socialista “ante unha situación de minoría e na que terían que dalo todo para conseguir apoios que lles permitan sacar adiante as súas propostas, non estan a actúar en consonancia” e criticaban tamén algunas das facturas que presentaban para o seu recoñecemento.
Os socialistas só atoparon o apoio do seu socio de goberno, o edil de AER, Roberto Villar, quen insistía en que “non ten lóxica que se vote en contra e se impida que os provedores cobren por un traballo feito”.
Un debate que previsiblemente volverá repetirse nun pleno extraordinario no que se deberá votar novamente si se aproba ou non o pago destas facturas pendentes.