O grupo municipal do Partido Popular (PP) de Redondela anunciou hoxe a súa firme oposición ao Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) de 192.000 euros, que se levará ao pleno deste xoves para saldar facturas pendentes e atrasadas do Concello. Os populares basean a súa postura nun informe “demoledor” do Departamento de Intervención municipal, que alerta de graves irregularidades no procedemento de contratación e advirte de posibles consecuencias penais, contables e administrativas. “Non imos avalar, en ningún caso, a presunta corrupción do PSOE tamén en Redondela”, declararon con contundencia.
Segundo o PP, o informe técnico é claro ao sinalar que os gastos, relacionados con traballos e subministros realizados mediante contratos verbais ou prórrogas tácitas, están “indebidamente adquiridos”. O documento especifica que este tipo de contratación está “taxativamente prohibida”, salvo en casos de emerxencia, e subliña que os gastos son “recurrentes, para nada excepcionais, ou ben realizados tras unha vulneración grave do procedemento establecido”. Ademais, Intervención lembra que as prórrogas tácitas de contratos públicos son ilegais e que as obrigas por obras ou servizos de anos anteriores non poden liquidarse mediante un REC, senón que deben contar cunha partida orzamentaria específica.
Os populares tamén destacaron que o informe advirte que a aprobación do REC polo pleno “non eximirá da esixencia das responsabilidades ás que houbera lugar”, incluíndo posibles infraccións en materia penal, contable ou administrativa. “O PSOE está inmerso nunha dinámica en Madrid que todos coñecemos, e parece que agora estende estas prácticas ás súas agrupacións locais. Pero con nós non contan para estas irregularidades”, aseguraron desde o PP, que acusaron á alcaldesa, Digna Rivas, de “mentir de xeito populista” para xustificar o pagamento.
Acusacións contra a alcaldesa e os seus socios
O PP criticou duramente a Rivas por afirmar que as facturas pendentes corresponden únicamente a provedores locais, coa intención de “poñer á opinión pública ao seu favor”. Segundo os populares, a realidade é que a maioría do diñeiro adebedado é para empresas de fóra de Redondela. “A única responsable é Digna Rivas, que encargou eses traballos. Está botando a culpa a outros e facendo populismo para que o REC se aprobe, pero os provedores deben saber que ela é a causante desta situación”, afirmaron.
Os populares tamén cargaron contra os socios de goberno do PSOE, BNG e AER, aos que consideran “cómplices” destas prácticas e “corresponsables” das facturas pendentes. “Foron eles quen levantaron a man para que Rivas fose alcaldesa, e agora son eles os que deben asumir as consecuencias do lío no que meteron a Redondela”, sentenciaron, deixando claro que non se consideran vinculados a esta forma de gobernar.