Hoxe é Sábado 5 de Xullo de 2025

Alumnas do IES San Simón gañadoras do certame Apps for Good: “STIM ten potencial para facerse realidade”

WhatsApp Image 2025-06-26 at 17.19.41 (3)

As alumnas Larissa Salinas, Dinara Costa, Celia de Campos e Alba García, de 4º da ESO do IES Illa de San Simón de Redondela, fixéronse co primeiro premio no I Encontro Rexional de Apps for Good, celebrado no museo MARCO de Vigo. O seu proxecto, a aplicación STIM, deseñada para mellorar a calidade de vida de persoas con sensibilidade auditiva e fotosensibilidade, destacou pola súa orixinalidade e impacto social, clasificándoas para o encontro internacional que terá lugar o 18 de setembro en Lisboa.

STIM, desenvolvida baixo a guía da profesora de Filosofía Patricia García, é unha ferramenta dixital que minimiza estímulos visuais e sonoros molestos, promovendo un entorno máis accesible e inclusivo. “É unha iniciativa que promove a tecnoloxía para transformar a nosa contorna e facela máis xusta e inclusiva”, sinalou a docente. O proxecto, que levou meses de traballo en aula, incluíu a creación dun prototipo viable e unha presentación que convenceu ao xurado pola súa innovación e aplicabilidade.

O evento, promovido polo Centro de Formación e Recursos (CeFore) de Vigo, tiña como obxectivo fomentar que os mozos desenvolvan aplicacións móbiles que resolvan problemas sociais ou ambientais. Nesta primeira edición en Vigo, o IES Illa de San Simón foi o único centro da zona en participar, competindo na súa categoría contra outros proxectos do mesmo instituto. “Íamos nerviosas, pero moi ilusionadas. Presentamos un vídeo e unha explicación que preparamos con moito esforzo”, contaron as alumnas.

A vitoria non só supón un fito histórico para o centro redondelán, senón que tamén abre as portas á final internacional en Lisboa, onde competirán cos mellores equipos de España e Portugal. “O director de Apps for Good dixo que a nosa idea é viable. Aínda que non gañemos en Lisboa, sabemos que STIM ten potencial para facerse realidade”, asegurou Patricia García. A profesora destacou a natureza interdisciplinar do programa, que naceu no Reino Unido e está consolidado en Portugal dende 2015, e lamentou que, ao non contar o IES Illa de San Simón con Bacharelato, a continuidade do proxecto poida ser un reto.

As alumnas, pola súa banda, están decididas a seguir adiante. “Queremos gozar do verán, pero despois reunirémonos para planificar a nosa estratexia en Lisboa. Algunhas non poderán viaxar, así que gravaremos un vídeo para estar todas representadas”, explicaron. O seu obxectivo é claro: levar STIM ao seguinte nivel e contribuír a un mundo máis inclusivo.

O I Encontro Rexional de Apps for Good, que contou coa presenza de docentes de institutos e Centos de Educación Primaria e Formación Profesional, busca captar máis centros educativos para futuras edicións. “As aplicacións son unha ferramenta poderosa para a inclusión. Esta experiencia foi moi positiva, e o mellor é que estas ideas poden facerse realidade e axudar a moita xente”, concluíu Patricia García.

QR DO PROTOTIPO

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará

Radio stream metadata in not available.
Radio Redondela
Stations
imageRadio Redondela
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: