O pleno de Redondela debate este xoves ás 20:30 hroas no Multiúsos da Xunqueira un recoñecemento extraxudicial de 192.457,18 euros de recibos pendentes. Trátase de facturas tramitadas no Concello a comezos deste ano e que non se puideron pagar de forma ordinaria, xa que correspondían a bens e servizos que foron prestados en 2024. A alcaldesa Digna Rivas pide “responsabilidade” aos grupos políticos da oposición para sacar adiante esta proposta.
A lexislación establece que para abonar eses pagos tense que aprobar en pleno un recoñecemento extraxudicial de crédito. Unha aprobación que non foi posible no pleno de maio cando os concelleiros de PP e BNG votaron en contra da proposta. Por este moitvo a alcaldesa pide «responsabilidade» a nacionalistas e populares para que “os provedores poidan cobrar polos bens e servizos prestados”. Neste sentido salienta Rivas que “o 90% das facturas pendentes corresponden a provedores de Redondela e o resto a pequenas empresas e autónomos tamén do concello”. Pon como exemplo as facturas dos taxistas polos traslados aos institutos do alumnado das parroquias que non ten transporte escolar ou facturas de asociación culturais polas actuacións realizadas en decembro dentro do convenio interparroquial.
Rivas advirte que se o pleno da corporación non recoñece esta débeda, o único xeito que terán os acredores para cobrar as facturas será reclamándoas pola vía xudicial. O goberno local advirte que isto suporía un grave prexuízo económico “tanto para os provedores, autónomos e pequenas empresas, como para propio o Concello, que tería que asumir un gasto maior, o que prexudica ao conxunto da veciñanza”.
Instan á oposición “a ser útiles para a veciñanza de Redondela2 e deixar de “ir a contra impedindo que autónomos e pequenas empresas cobren”.