O Club de Kickboxing de Arcade destacou no Campionato de España infantil, cadete e júnior, celebrado en Guadalajara do 11 ao 15 de xuño. Os 11 competidores do club, integrados na Delegación Galega, lograron un impresionante palmarés de 7 ouros, 2 pratas e 5 bronces, contribuíndo a situar a Galicia entre as catro mellores comunidades autónomas e a conquistar o trofeo de primeiro clasificado na categoría júnior feminina.
O medalleiro do Club Arcade reflicte o talento dos seus deportistas: Cael Andrew (ouro en Point e Light), Marta Romero (ouro en Point, bronce en Light), María Bouzon (prata en Point, ouro en Light), Pablo Veiga (prata en Point), Ismael Villanueva (bronce en Point), Mencía Díaz (bronce en Point e Light), Luca Bouzon (ouro en Light), Alex Cabaleiro (ouro en Point, bronce en Light) e Martín Figueroa (ouro en Light). Pola súa banda, Lidia Leiro e Daniel Amoedo non puideron subir ao podio, pero demostraron gran competitividade.
Previamente, o club participou na fase autonómica do Campionato de España, organizada pola Federación Española de Kickboxing e Muaythai (FEKM) no pavillón Alonso Rodríguez de Noia. Este evento reuniu competidores de 8 a 50 anos en sete probas (catro de tatami e tres de ring). A pesar de acudir cun número reducido de deportistas e de enfrontarse a lesións que obrigaron a renunciar a varias finais, o club conseguiu un medalleiro destacado: 24 ouros, 12 pratas e 9 bronces.
Este éxito consolida ao Club de Kickboxing de Arcade como un referente no panorama nacional, destacando pola súa preparación e compromiso.

Unha tempada pasada de récord
Na tempada anterior, o Club de Kickboxing de Arcade deixou a súa marca no Campionato Nacional de Clubs, celebrado en Torremolinos (Málaga) do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2024. Con 17 deportistas, o club competiu contra máis de 800 participantes de 69 clubs de toda España no Palacio San Miguel, na Copa de España de Clubs de Kickboxing e Parakickboxing (modalidade de Tatami Sport). Os resultados foron excepcionais: 9 ouros, 8 pratas e 12 bronces, o que situou ao club como o segundo mellor entre os 69 participantes, só por detrás dunha selección das Illas Baleares composta por varios clubs.
Este éxito sumouse aos 77 ouros acadados polo club en campionatos galegos, nacionais e internacionais de xaneiro a xullo de 2024, elevando o total de medallas de ouro da tempada a 86. Estes resultados consolidan ao club como o mellor club galego, sendo o que máis medallas aporta á Selección Galega.