O Club Deportivo Choco anunciou o seu novo adestrador para o equipo de Preferente na tempada 2025/2026: Alberto Rabadán. O técnico chega ao club coas ideas claras e un proxecto ambicioso centrado na aposta pola canteira e a xuventude. Segundo palabras do propio adestrador, “esperamos unha tempada onde tanto a canteira como os xogadores novos dean un paso máis, crezan e collan experiencia na categoría, para así medrar desde o club”.
Rabadán trae consigo unha notable experiencia. Nas súas últimas etapas, dirixiu ao Guardés, logrando o ascenso a Primeira, e na pasada tempada asumiu o desafío de liderar o Rápido de Bouzas. No Choco estará acompañado por David Melendre, coñecido como “Schuster”, co que xa colaborou no Bouzas. Melendre destacou que “o obxectivo é que o club creza coa xente da casa, traballo e humildade, coa consigna clara de competir divertíndose no campo”.
Ambos chegan con ilusión e co firme propósito de devolver a alegría ao Santa Mariña. O club dálles a benvida á súa nova casa, confiando en que esta etapa marque un antes e un despois na traxectoria do equipo.
