O Concello de Redondela autorizou un total de 45 cacharelas que arderán nesta noite de San Xoán, nove das cales están organizadas por centros culturais e asociación veciñais que ofrecen así aos veciños e veciñas diferentes alternativas para gozar da noite máis curta do ano degustando as tradicionais sardiñas e gozando da música nas diferentes parroquias do concello. A maiores autorizáronse tamén 36 fogueiras que se prenderán en leiras particulares.
As fogueiras que preparan os colectivos das diferentes parroquias son organizadas principalmente polos centos culturais. Son por exemplo a que organiza o CCRD Cabeiro ou a do Centro Cultural de Santo Estevo de Negros onde haberá sardiñas e viño gratis para os asistentes así como música a cargo dos grupos Tirapuxa de San Vicente e o grupo Choran as Pedras de Chapela.
Pola súa banda a Asociación de Festas do Carme de Soutoxusto arrancará xa ás 19:00 horas con actividades no torreiro de festas e a celebración dunha gran sardiñada para celebrar esta noite tan especial. Haberá servizo de bar e bocatas a prezos populares. Ás 12 da noite acenderase a gran fogueira e repartirase queimada de balde a todos os asistentes. O acto estará amenizado pola artista Marcela Canela.
Tamén haberá sardiñada e música no Centro Cultural de Quintela, na Sociedade Cultural do Viso e no Centro Cultural de Vilar de Infesta.
En Cesantes o Centro Cultual e Deportivo celebra tamén o San Xoán a partir das 20:30 horas cunha festa no Murallón onde non faltará a música, a animación e a fogueira que se prenderá na medianoite. En Ventosela a festa arrancará ás 20:30 horas organizada pola Asociación Veciñal A Miñoteira. Sardiñas, pan, viño e queimada formarán parte do tradicional menú do San Xoán con festa amenizada polo grupo Refugallo Rock, cun repertorio cargado de clásicos do rock dos 80 cantados en galego.
Un percorrido que pechamos lembrando que tamén a Comunidade de Montes de Saxamonde organiza a súa propia cacharela.
A Policía Local de Redondela anuncia un dispositivo especial na madrugada do 23 ao 24 de xuño e lembra que “o alcol e as drogas non son compatibles coa condución dun vehículo, pola túa seguridade e pola dos demais”.
San Xoán en Soutomaior
O San Xoán en Soutomaior contará coa actuación de Son das Tabernas, espectáculos de rúa a cargo de Troula, un escape room das herbas de San Xoán e unha fogueira adaptada.